Arzúa o destino verde de Galicia

Reunión da área de cultura de Arzúa para reactivar a programación no verán

4 junio, 2020

 

O Concello de Arzúa seguirá apostando pola cultura programando actividades seguras para todos os públicos nos meses estivais

 

Arzúa, 5 de xuño de 2020. O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa reuníase onte na Casa do Concello nunha xuntanza na que participaron o Alcalde, Jose Luís García; a Concelleira de Cultura, Aurora Varela, e o técnico Marcos Pampín.

Despois de avaliar a programación virtual realizada durante o confinamento e valorar positivamente os resultados obtidos, sentáronse as bases do que será a programación cultural na coñecida como nova normalidade, unha vez rematada previsiblemente a desescalada coincidindo cos meses de verán.

Desde o Goberno Local apóstase por programar espectáculos de pequeno formato para evitar aglomeracións, dar un maior apoio se cabe a grupos e artistas locais, adiar os espectáculos cancelados nos meses de abril e maio, en vez de suspendelos definitivamente, e combinar a programación presencial coa dixital emitindo varios dos espectáculos programados tamén a través das redes sociais.

Recuperar a confianza do público para asistir presencialmente ás actividades e facilitar o acceso aos contidos culturais de toda a poboación son dous aspectos máis aos que, dende o goberno, se lles vai adicar moito tempo.

Por unha parte, preténdese recuperar a confianza dos usuarios programando “actividades seguras”, fomentando máis espectáculos ao aire libre, controlando o límite de aforamento, asegurando a distancia entre persoas e proporcionando as medidas de hixiene cando sexa necesario.

E, por outra parte, cabe destacar os medios que este Goberno poñerá para facilitar o acceso ao contido cultural de toda a poboación, apoiando a cultura tamén nas nosas parroquias, deseñando un programa con opcións para todos os públicos e continuando coa gratuidade no acceso a todos os espectáculos.

Nos próximos días publicarase toda a información  da programación deseñada para os vindeiros meses.

Last modified: 4 junio, 2020

Comments are closed.