Arzúa o destino verde de Galicia

Programación cultural do mes de maio. Letras Galegas 2020

29 abril, 2020

O Concello de Arzúa conmemora o mes das Letras Galegas con novas actividades online

 

O Departamento de Cultura organiza unha programación que contará con actividades infantís, música, gastronomía e literatura

 

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza unha programación para conmemorar no mes de maio as Letras Galegas con actividades online a través de facebook no que, de xeito semanal, os sábados de maio ás 19:00h emitiranse actividades infantís, actuacións musicais, propostas de gastronomía e iniciativas literarias e artísticas. Dado que as anteriores propostas ofrecidas a través da internet tiveron moi boa acollida, desde este departamento decidiuse seguir o mesmo formato e organizar novas actividades nas redes sociais con variedade de temáticas e dirixidas a todos os públicos co firme propósito de defender a nosa lingua, promover o seu uso e seguir achegando a cultura aos nosos fogares.

A primeira iniciativa terá lugar este sábado, día 2 de maio, no que se presentará a serie de animación “A Escola de Rosiña” creada por Meritxell Álvarez Aguión. Ela mesma nos explicará o proceso creativo e deseguido, emitiranse os catro capítulos da serie realizada coa técnica de stopmotion.

As actividades continuarán os sábados restantes do mes de maio. O día 9 desfrutaremos da cociña en directo con Óscar Miranda que elaborará un prato típico da gastronomía galega.

O sábado 16 emitirase o concerto “Moraima, 20 anos en galego”, actuación que a Rondalla tiña previsto realizar dentro dos actos do seu 20º aniversario e que finalmente levará a cabo desde os fogares dos seus compoñentes cun repertorio totalmente en galego.

Na xornada do sábado 23 de maio rendirase unha homenaxe a Ricardo Carvalho Calero a través da actuación da veciña Uxía García Conde que mesturará música e literatura.

Por último, o sábado 30, levarase a cabo a proposta “Arte sen saír da casa” coa colaboración de Cristina Carballedo, de Sumarte, que nos dará varias opcións para desfrutar da arte sen saír dos nosos fogares.

A concelleira de Cultura, Aurora Varela, anima á veciñanza a participar nestas actividades “coas que queremos dar alternativas de lecer para estes días de confinamento ao mesmo tempo que visibilizar e fomentar o uso do galego”.

Aurora Varela aproveitaba a ocasión para agradecer a todos os participantes a súa disposición e colaboración nestas actividades.

 

PROGRAMACIÓN

  • Sábado 2 de maio: Presentación da serie de animación “A Escola de Rosiña” creada por Meritxell Álvarez Aguión.
  • Sábado 9 de maio: “Sabores do País” con Óscar Miranda. Showcooking en directo coa elaboración dun prato típico da gastronomía galega.
  • Sábado 16 de maio: Concerto “Moraima, 20 anos en galego”. Actuación da Rondalla Moraima cun repertorio 100% galego.
  • Sábado 23 de maio: “Homenaxe a Ricardo Carvalho Calero”. Música e literatura da man de Uxía García Conde.
  • Sábado 30 de maio: “Arte sen saír da casa” con Cristina Carballedo (Sumarte).

 

Todas as actividades serán emitidas na páxina de Facebook @culturaconcelloarzua ás 19:00h.

Last modified: 29 abril, 2020

Comments are closed.