Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Teatro e Obradoiro de cine en Semana Santa

Teatro e Obradoiro de cine en Semana Santa

O Concello de Arzúa contará esta Semana Santa con actividades do FalaRedes, o programa de dinamización lingüística da Xunta de Galicia

O Servizo de normalización lingüística do Concello de Arzúa en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia organizou FalaRedes, un novo programa de dinamización lingüística para desfrutar nesta Semana Santa.

A primeira das actividades vai ter lugar este domingo 1 de abril, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura. Chámase O Señor das Dunas e é un espectáculo dirixido a todos os públicos, dende os nenos e as súas familias ata os máis vellos da casa. Baseado na literatura oral galega, este contacontos compleméntase coa ilustración en directo do relato feita con area. Os asistentes recibirán como agasallo un libriño cos contos que escoitaron.

A segunda actividade terá lugar ao día seguinte, o luns 2 de abril, ás 17:00 horas, diante do Edificio Multiusos “Terra do Queixo”. Este espectáculo chamado Galego de Cine está dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos e consiste nunha pequena caravana na que se proxectan curtas de animación en galego. Estes terán ocasión de participar, posteriormente, nunha serie de actividades que lles permitirán ter un papel activo no seu achegamento ao cinema na nosa lingua. Os resultados deste traballo poden verse na canle de Youtube Galego de Cine. Cando finalice a viaxe da caravana polos concellos galegos farase un concurso no que se premiarán os mellores contos en galego contados ante a cámara por cada grupo de nenos e nenas participante na actividade. Cadaquén poderá votar polo seu favorito e os gañadores recibirán o libro-DVD O soldadiño de Chumbo. Para participar nesta actividade, Galego de Cine, hai que anotarse previamente chamando ao 981.500.222 ou achegándose no Edificio María Mariño, 1º andar.

O alcalde de Arzúa, José Luís García López, convida a todos os veciños e veciñas a participar nestas actividades, en especial, aos máis novos da casa “para aproveitar estes días de vacacións formando parte activa de programas  diferentes e divertidos” e afrimou que “grazas a estes proxectos créanse espazos de uso do galego ligados ao lecer e á cultura xuvenil para promover unha imaxe da lingua ligada a valores positivos, tal e como indica o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega”

Dende o SNL lembran que todas as actividades son de balde e que para obter máis información poden poñerse en contacto con Marcos no 981.500.222 ou con Luísa no 981.50.00.00 ext. 111.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email