Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Capela da Madanela

Capela da Madanela

Sala de Exposicións

Apta para charlas, conferencias, concertos musicais, pequenas reunións…

Pódese solicitar o seu uso contactando previamente co Departamento de Cultura, sempre e cando a solicitude a realice unha entidade sen ánimo de lucro ou persoas interesadas en expoñer os seus traballos artísticos.

A capela foi a igrexa dun antigo mosteiro de frades agostiños, fundado no século XIV. A finais do XVII a comunidade foise para Santiago de Compostela, quedando abandonado o mosteiro de Arzúa, do que actualmente non se conserva nada. A capela, sen embargo, continuou aberta ao culto baixo a xurisdición do mosteiro de Compostela, deixando de depender deste coa desamortización de Mendizábal.

O edificio de cachotaría ten planta lonxitudinal e cuberta con tella do país. Destaca no alzado a zona da cabeceira. A porta de acceso está situada na fachada oeste, e consiste nun arco de medio punto abocinado e sobre ela un van cadrangular; a portada está coroada por unha espadana de van único.
No interior sobresae o arco oxival que divide a nave e o presbiterio, xunto con dous sepulcros a ambos lados da nave, ademais das inscricións que se conservan en dúas das súas paredes.

O primitivo retábulo, datado no século XVI, era todo de pedra, e só se conserva del a predela, ubicada, actualmente, no lugar que se cre ocupaba antano; A finais do século XVIII, realizouse outro de madeira, de estilo rococó, que foi desmontado no século XX, coa primeira rehabilitación da capela.

Atópase na Rúa Cima do Lugar, no tramo urbano do Camiño de Santiago, entre o albergue municipal de peregrinos e a casa rectoral.

Capela da Madanela

En 1984, comezáronse as obras para a rehabilitación e cesión do templo, da diócese ao Concello de Arzúa, por tempo indefinido. A xestión foi levada a cabo por un patronato formado por Pilar García Montero, Ramón Torreiro González e Luis Vidal Abad. Foron axudados por Antonio Fraguas Fraguas, Salvador Ares Espada, Manuel Díaz Díaz e Bernardino Villaverde Villaverde.

Foi reinaugurada, como sala cultural, o día 21 de xuño de 2006, coa exposición itinerante de Maruxa Mallo “A transgresión feita muller”.

Este ben é o punto de partida da Ruta «Val do Iso» promovida polo Concello de Arzúa.