Arzúa o destino verde de Galicia

Récord de visitas no Punto de Información Turística de Arzúa con preto de 5.000 visitas nos últimos catro meses

14 noviembre, 2012

O Departamento de Turismo do Concello de Arzúa fixo público un informe elaborado pola persoa que durante os últimos catro meses se encargou da atención da Oficina de Información Turística de Arzúa. Os resultados do informe ratifican o acerto do goberno municipal, que preside José Luis García López,  ao decidir no pasado mes de xullo reabrir a oficina para que prestara servizo aos milleiros de turistas e peregríns que este ano visitaron Arzúa grazas aos atractivos do camiño de Santiago.

O goberno municipal de Arzúa tivo que facer fronte ao pago desta traballadora con fondos propios e apostando polo mantemento do servizo, conscientes da necesidade de seguir promocionando Arzúa nunha época tan importante como a actual e na que Arzúa, núcleo principal de peregrinaxe ás portas de Compostela, recibe milleiros de visitantes.

Así se desprende do informe elaborado por Mary Sánchez, a técnica de turismo encargada da oficina, na que deixa constancia do número de persoas que se achegaron ata a oficina na procura de información entre os meses de xullo e outubro deste ano. Durante este período de 4 meses foron un total de 4.793 as persoas que pasaron polo punto de información na procura de información relativa á busca de aloxamento, lugares de interese que visitar en Arzúa, horarios de transporte e mesmo información xeral sobre o noso país ou datos concretos doutras rutas a Compostela.

Das case 5.000 persoas que visitaron a oficina, 537 procedían de Francia, 470 de Alemania, 364 de Irlanda, 335 de Italia, 80 de Bélxica e mesmo 67 de Corea. Tamén se rexistraron visitas de turistas e peregríns procedentes de Austria, Eslovaquia, Estonia, Eslovenia, Hungría, Xapón, Letonia, Lituania, México, Polonia, Portugal, Reino Unido e EEUU.

O maior número de visitas rexistrouse nos meses de xullo, agosto e setembro. A nivel de España recibíronse visitas de prácticamente a totalidade das comunidades autónomas, salientando Madrid con 806 visitas, Cataluña con 687, Andalucía con 462 ou a Comunidade Valenciana con 360. Tamén a nosa comunidade aportou un importante número de turistas, un total de 358 galegos e galegas procuraron información durante este período do punto de información turística de Arzúa.

Coñecedor destes datos o alcalde de Arzúa, José Luis García, amosaba na mañá de hoxe a súa satisfacción “ante o funcionamento dun servizo que demostrou a súa valía e que superou todas as marcas de visitas rexistradas ata o de agora” e insistiu ademais en que se trata dun “servizo moi agradecido polos cidadáns e imprescindible para que os numerosos turistas e peregríns que nos visitan leven unha boa imaxe do noso concello”.

Last modified: 23 diciembre, 2018

Comments are closed.