Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Programa ‘Formando en familia’, unha nova proposta educativa do Concello de Arzúa

O goberno municipal de Arzúa botará a andar un novo programa educativo que baixo o título ‘Formando en familia’ ofrecerá ás familias do municipio un conxunto de propostas formativas para interactuar en temas relacionados coa educación familiar, a comunicación e as habilidades para a resolución de conflictos cotiáns.

As sesións, de dúas horas de duración, terán lugar os sábados do mes de maio, ás once da mañá, no recinto feiral Terra do Queixo.

O programa, de carácter gratuíto, comezará o sábado 7 coa charla-coloquio ‘SOS. O meu fillo está medrando. Dúbidas, inquedanzas e medos’ que impartirá o psicólogo Manuel Mariño. Con esta proposta preténdese abordar as dificultades de ser nai ou pai; trátase dun obradoiro para coñecer o ciclo vital dos fillos e fillas e  comprobar como os pais e nais poden sentirse perdidos e confusos no proceso. Familiarizarase aos pais e nais cos problemas e dificultades comúns ao crecemento dos fillos e fillas.

A proposta para o sábado 14 titúlase ‘Ferramentas e habilidades para mellorar a comunicación cos fillos e fillas’,  unha sesión para adestrar as habilidades sociais básicas para lograr unha comunicación  eficaz e mellorar a resolución de conflitos por conta do educador social Diego Parajó.

O programa continuará o sábado 21 con ‘Fábrica de fillos perfectos, SL. Pautas de crianza, normas e conduta’. Neste obradoiro, impartido por Manuel Mariño, preténdese dialogar e dar consellos sinxelos, útiles e práticos sobre as pautas de crianza, o uso das normas coma un aliado e as técnicas e estratexias dispoñibles para correxir aqueles comportamentos pouco útiles.

A primeira edición de ‘Formando en familia’ pecharase cunha charla arredor dos ‘Usos e abusos das redes sociais e internet’ na que se abordará como as TIC’s están a cambiar o mundo, os perigos nas redes sociais e internet e as claves para nais e pais. Esta última sesión impartirase o sábado 28 de maio.

  • Para inscribirse a todas ou a algunhas destas actividades é necesario reservar praza previamente no Departamento de Cultura, ben de maneira presencial ou chamando ao teléfono 981 500 222, tamén por correo electrónico no enderezo cultura@arzua.gal. O número máximo de participantes será de 25 por sesión e a inscrición é gratuíta.
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email