Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Programa de excursións «Coñece o teu país» 2019

O Departamento de Cultura informa que o Concello de Arzúa mantén o programa de excursións Coñece o teu país para este verán. A boa acollida que tiveron as viaxes programadas dende a Concellaría nas pasadas edicións animou aos responsables a darlle continuidade con novas visitas a diferentes lugares da xeografía galega ao longo dos meses estivais, de xuño a setembro.
Así, de maneira totalmente gratuíta, os veciños e veciñas poderán realizar catro novas excursións ás catro provincias galegas.
A primeira delas será o vindeiro sábado día 29 de xuño á provincia da Coruña. A viaxe será ao municipio de Camariñas na que se realizará a chamada Ruta pola beira do mar na que durante unha hora se fará un percorrido polo porto da man dunha mariñeira e armadora dunha pequena embarcación que mostrará as diferentes artes de pesca e tipo de capturas asi como o desenvolvemento da pesca menor. A xornada completarase coa visita ao Faro Vilán pola tarde.
A segunda excursión correspondente á provincia de Lugo que se celebra en xullo, será o día 27. Nesta ocasión o destino elexido será Pantón para visitar diferentes lugares dentro da Ruta do Románico. Este día tamén nos achegaremos a Chantada para xantar e visitar o municipio durante a tarde. As dúas restantes serán o sábado 31 de agosto a Oia e Baiona na provincia de Pontevedra e, xa para rematar este ano, realizarase unha saída á localidade ourensá de Castro Caldelas o sábado 28 de setembro.
Segundo se indica dende o Departamento de Cultura, todas as persoas interesadas en participar no programa deben achegarse persoalmente á Oficina de Cultura e Deportes, podendo anotar como máximo a un acompañante por cada solicitante. As prazas dispoñibles iranse cubrindo por orde de inscrición, sendo as mesmas limitadas.
Todas aquelas persoas que desexen apuntarse á primeira viaxe organizada para o vindeiro 29 de xuño a Camariñas, poden facelo a partir de mañá venres, 21 de xuño, entre as 8:30 e as 14:30 horas.
Lembren que o a Oficina de Cultura e Deportes está situada no edificio sociocultural María Mariño, na rúa Padre Pardo nº 33, no 1º andar (ao carón de Radio Arzúa).

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email