Arzúa o destino verde de Galicia

Programa de excursións “Coñece o teu país” 2018

11 junio, 2018


O Departamento de Cultura informa que o Concello de Arzúa mantén o programa de excursións Coñece o teu país para este verán. A boa acollida que tiveron as viaxes programadas dende a Concellaría nas pasadas edicións animou aos responsables a darlle continuidade con novas visitas a diferentes lugares da xeografía galega ao longo dos meses estivais, de xuño a setembro.
Así, de maneira totalmente gratuíta, os veciños e veciñas poderán realizar catro novas excursións ás catro provincias galegas.

A primeira delas será o vindeiro sábado, día 30 de xuño, á provincia da Coruña. A viaxe será a San Andrés de Teixido e a Cedeira na que se poderá coñecer máis de preto este famoso santuario e a vila de Cedeira con recunchos turísticos como o Castelo da Concepción ou algunha praia do lugar.

A segunda excursión correspondente á provincia de Lugo terá lugar o 28 de xullo. Nesta ocasión o destino elexido será Castro de Rei para visitar o Castro de Viladonga. As dúas restantes serán en agosto, o sábado 25 a Ponteareas na provincia de Pontevedra e, xa para rematar este ano, realizarase unha saída ás localidades ourensás de O Bolo e O Barco de Valdeorras o sábado 15 de setembro. Habitualmente as saídas coinciden co último sábado de cada mes pero nesta última, por cadrar coa Feira Ecolóxica e unha semana antes coa feira quincenal, adiántase dúas semanas.

Segundo se indica dende o Departamento de Cultura, todas as persoas interesadas en participar no programa deben achegarse persoalmente ao Departamento de Cultura, podendo anotar como máximo a un acompañante por cada solicitante. As prazas dispoñibles iranse cubrindo por orde de inscrición, sendo as mesmas limitadas.

Todas aquelas persoas que desexen apuntarse á primeira viaxe organizada para o vindeiro 30 de xuño a San Andrés de Teixido e a Cedeira, poden facelo a partir do vindeiro luns, 18 de xuño, no Departamento de Cultura do Concello de Arzúa entre as 8:30 e as 14:30 horas.

Lembren que o a oficina do Departamento de Cultura está situada no edificio sociocultural María Mariño, na rúa Padre Pardo nº 33, no 1º andar (ao carón de Radio Arzúa).

Last modified: 11 junio, 2018

Comments are closed.