Arzúa o destino verde de Galicia

Programa de excursións «Coñece o teu país» 2017

29 mayo, 2017

O Concello de Arzúa recupera de cara ao verán o programa Coñece o teu país con catro novas excursións

 

O Departamento de Cultura informa que o Concello de Arzúa mantén o programa de excursións Coñece o teu país para este verán. A boa acollida que tiveron as viaxes programadas dende a Concellaría nas pasadas edicións animou aos responsables a darlle continuidade con novas visitas a diferentes lugares da xeografía galega ao longo dos meses estivais, de xuño a setembro.

Así, de maneira totalmente gratuíta, os veciños e veciñas poderán realizar catro novas excursións ás catro provincias galegas.

A primeira delas será o vindeiro sábado día 17 de xuño á provincia da Coruña. Habitualmente as saídas coinciden co último sábado de cada mes pero neste caso, por cadrar coa festividade de San Xoán, adiántase unha semana. A viaxe será a Pontedeume na que se poderá coñecer máis de preto o casco histórico da vila, o Torreón dos Andrade actualmente adicado a centro de interpretación, pasear polo feirón semanal e incluso refrescarse nalgunha das súas praias.

A segunda excursión correspondente á provincia de Lugo que se celebra en xullo, vaise celebrar o día 29. Nesta ocasión o destino elexido será Alfoz para visitar o Castelo de Castrodouro que acolle tamén o Museo dos Zocos e posteriormente achegarse a Burela para xantar e defrutar dalgún areal da Mariña Lucense. As dúas restantes serán en agosto, o sábado 26 a Salvaterra de Miño na provincia de Pontevedra e, xa para rematar este ano, realizarase unha saída á comarca ourensá da Limia o sábado 30 de setembro.

Segundo se indica dende o Departamento de Cultura, todas as persoas interesadas en participar no programa deben achegarse persoalmente ao Departamento de Cultura, podendo anotar como máximo a un acompañante por cada solicitante. As prazas dispoñibles iranse cubrindo por orde de inscrición, sendo as mesmas limitadas.

Todas aquelas persoas que desexen apuntarse á primeira viaxe organizada para o vindeiro 17 de xuño a Pontedeume, poden facelo a partir do vindeiro luns, 5 de xuño, no Departamento de Cultura do Concello de Arzúa entre as 8:30 e as 14:30 horas.

Lembren que o a oficina do Departamento de Cultura está situada no edificio sociocultural María Mariño, na rúa Padre Pardo nº 33, no 1º andar (ao carón de Radio Arzúa).

Last modified: 21 diciembre, 2018

Comments are closed.