Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Programa de conciliación XOGARZÚA

Programa de conciliación XOGARZÚA Programa de conciliación XOGARZÚA

Arzúa recupera o programa de conciliación da vida familiar e laboral XOGARZÚA para este verán

 

A Concellería de Benestar Social e Igualdade do Concello de Arzúa pon en funcionamento, de novo, o programa Xogarzúa para a conciliación do desenvolvemento persoal e a vida familiar, dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.

Este proxecto pioneiro no noso Concello é unha alternativa específica na que a través do xogo nenas e nenos adquiren coñecemento que forma parte do seu proceso educativo. Desenvolve unha morea de actividades pensadas para fomentar a convivencia nun marco de valores: respecto polo contorno, polos compañeiros, a igualdade, a cooperación mutua e o crecemento persoal a través do xogo, obradoiros, saídas didácticas e moitas outras iniciativas.

Neste verán 2017 traballaranse especialmente os valores da tolerancia e a igualdade. A diversión, o entretemento e a aprendizaxe serán as claves deste programa do que poderán gozar nenos e nenas de Arzúa, sempre acompañados por persoal responsable e cualificado.

Xogarzúa iniciarase o 26 de xuño e finalizará o día 1 de setembro. O horario será das 9.30 ás 14 horas. Haberá 30 prazas que se distribuirán en dous grupos: 15 prazas para nenos e nenas de 3 a 7 anos e outras tantas para menores de 8 a 12 anos.

O prazo de inscrición para as familias interesadas será do 6 ao 16 de xuño; as solicitudes e documentación complementaria poderase recoller no Centro de Información á Muller, situado na Casa do Concello de Arzúa.

Para poder acceder ao programa será requisito necesario que traballe un ou ambos proxenitores, que o neno ou nena estea empadroado no Concello de Arzúa e aportar o xustificante do pago das taxas na correspondente entidade bancaria.

A Concelleira de Benestar Social de Arzúa, Aurora Varela, convida ás familias do municipio a “aproveitar esta oportunidade que ofrecemos para axudar á conciliación da vida familiar e laboral daqueles pais e nais que o precisen, para cubrir o tempo de ocio dos seus fillos e fillas durante as vacacións de verán”.

 

 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email