Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Programa de conciliación laboral e familiar «Xogarzúa»

Programa de conciliación laboral e familiar "Xogarzúa"
O Concello de Arzúa promove Xogarzúa para a conciliación familiar e laboral

A Concellería de Benestar Social e Igualdade do Concello de Arzúa, da que é responsable Aurora Varela, poñerá en funcionamento, de novo, o programa Xogarzúa para a conciliación do desenvolvemento persoal e a vida familiar, dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos durante as vacacións de verán.
Este proxecto pioneiro no noso Concello é unha alternativa específica na que a través do xogo nenas e nenos adquiren coñecementos que forma parte do seu proceso educativo. Desenvolve unha morea de actividades pensadas para fomentar a convivencia nun marco de valores: respecto polo contorno, polos compañeiros, a igualdade, a cooperación mutua e o crecemento persoal a través do xogo, obradoiros, saídas didácticas e moitas outras iniciativas.
Neste verán 2018 traballaranse especialmente os valores da tolerancia e a igualdade. A diversión, o entretemento e a aprendizaxe serán as claves deste programa do que poderán gozar nenos e nenas de Arzúa, sempre acompañados por persoal responsable e cualificado.
Xogarzúa comezará o luns, 2 de xullo, e rematará o venres, 31 de agosto, ámbolos dous días incluídos en horario de mañá dende as 9.30 ás 14 horas, de luns a venres.
O prazo de inscrición para as familias interesadas será do 19 ao 22 de xuño; as solicitudes e documentación complementaria poderase recoller no Centro de Información á Muller, situado na Casa do Concello de Arzúa.
Para poder acceder ao programa será requisito necesario que traballe cando menos un dos proxenitores, que o neno ou nena estea empadroado no Concello de Arzúa e aportar o xustificante do pagamento das taxas na correspondente entidade bancaria.
A Concelleira de Benestar Social de Arzúa, Aurora Varela, convida ás familias do municipio a “aproveitar esta alternativa que ofrecemos para axudar á conciliación da vida familiar e laboral daqueles pais e nais que o precisen, buscando unha alternativa ao sedentarismo, promovendo e fomentando valores tan importantes como a convivencia, a tolerancia e a vida saudable”.

Programa de conciliación laboral e familiar "Xogarzúa"

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email