Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Santa María de Arzúa

Extensión: 6’4 Km2

Poboación: 362

Núcleos máis importantes: Bosende, Capelán, Foxado, Fonte, Fonxe, Fraga, Igrexa, Outeiro, Pazo, Piñeiral, Quenlla, Rascados, Reboredo, Ribadiso, San Salvador, Seixas, Viso.

Festas parroquiais: As principais festas da parroquia son o 14 e 15 de agosto, no primeiro celébrase o Corpus e no segundo celébrase a Nosa Señora da Asunción. As Candeas celébranse Celébrase o seguinte domingo ao 2 de febrero.

Lugares de interese:

Castro Curbín: está ubicado no monte de A Roda, conserva a súa fisonomía castrexa, coa forma circular da muralla e o espazo do foxo. O castro data do século VI a.c., finais da Idade de Bronce. Este ben está incluído dentro da Ruta «Val do Iso» promovida polo Concello de Arzúa, xunto coa Fonte da Quenlla, que se atopa no entorno do castro.

Fonte da Quenlla: atópase no contorno do Viso e de Castro Curbín, e como estes bens tamén está incluída dentro da Ruta «Val do Iso», promovida polo Concello de Arzúa, pois ademais ten asociada a ela a seguinte lenda:

Lenda da Fonte da Quenlla
Mariquiña era unha rapaza moi pobre, tan pobre que só posuía un xato e unha vaca, aos que todos os días levaba pacer ao Castro Curbín.
Un día que voltaba do Castro, os animais quixeron parar a beber na fonte da Quenlla. Ela tamén se anicou para tomar unha pouca auga, e no momento no que os seus beizos rozaron o líquido, comezou a escoitar unha doce música e viu un gran relucir. A luz comezou a tomar forma dunha silueta de persoa, a música cesou, e Mariquiña viu unha muller moi guapa, loira e toda ela vestida de branco, que lle dixo:

– Non teñas medo, Mariquiña. Son a fada desta fonte, non che vou facer nada. Toma, isto é para ti- dixo entregándolle un saquete de moedas de ouro- Só me tes que prometer dúas cousas: que non lle dirás a ninguén nada da miña existencia e que cada vez que cozades, traerasme un anaco de bola.

Mariquiña, así o prometeu, e no sucesivo, cada vez que voltaba do Castro, a muller perfumábaa, peiteábaa, e de cando en vez, dáballe un saquete coas moedas.

Un día, coceron na casa, e Mariquiña colleu un anaco de bola para ela e outro para a fada. Ao vela, súa nai preguntoulle para quen era a bola, ela respostoulle que era para ela, pero a nai sabía que ela non sería capaz de comer tanta bola, tanto lle insistiu, que ao final, Mariquiña díxolle:

– Sempre que volto do Castro, na fonte da Quenlla, aparéceseme unha muller que me peitea e que me dá cartos, e a ela é a quen lle levo a bola.

Unha vez sabido isto, a nai deixouna ir sen maior problema. Á noitiña, ao ver que Mariquiña non voltaba, a nai saíu ver que pasaba. Escoitou uns pasos: eran a vaca e o xato que voltaban sós. De Mariquiña, nunca máis nada se soubo; uns din que se perdeu, outros que a fada da fonte a levou con ela por faltar á súa promesa, pero isto é un misterio que a fonte da Quenlla encerra e encerrará para sempre.

Fonte do Caselete:

Ten asociada A Lenda da Pita de Ouro, que se pode ler nun panel situado xunto á fonte:

Unha nena atopa unha pita con pitiños, todos de ouro. A pita comentoulle á rapaza que non podía ser descuberta por un adulto, pois soen ser codiciosos. A nena visitábaos todos os días e leváballes de comer. Agradecida por non ter contado nada, a pita regálalle unha pluma, e pediulle que a escondese. Súa nai descúbrea, e a rapaza acaba contándolle a verdade. A muller vai á fonte e atopa á pita, polo que esta meteuse, cos pitiños, polo cano da fonte. A nena deuse conta do que fixera súa nai, cando viu a pluma, que deixara de ser de ouro. Agora a pitiña só bota unha pebida de ouro na noite de San Xoán, para recordar que segue aí.

Actualmente a fonte está incluída dentro da Ruta «Val do Iso».

[image url=»wp-content/uploads/2011/10/Sta-María.jpg» width=»640″ height=»240″ shadow=»shadow-m» align=»aligncenter» link=»https://arzua.gal/wp-content/uploads/2011/10/Sta-María.jpg]

Pazo de Santa María: Complexo señorial, dedicado a turismo rural, que data da primeira metade do século XVIII. A edificación destaca polo conxunto que forma cos alpendres e coa antiga casa de caseiros, así como cun pequeno hórreo de tres claros e co portalón de entrada ao recinto. Tanto o Camiño do Norte como o Camiño Francés transcorren polos seus arredores.