Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Rendal (Santa María)

Extensión: 6’4 Km2

Poboación: 255

Núcleos máis importantes: Báscuas, Carballo,  Casal, Castromil, Fonte Alvite, Furelos, Gato, Guldrís, Outarelo, Pazo, Porfía, Rendal de Abaixo, Ribadiso, Trasigrexa, Trigás.

Festas parroquiais: As festas da parroquia son dedicadas á Nosa Señora de Rendal, e se celebran o 15 de agosto, o 8 e o 29 de setembro, e os dous domingos seguintes ao 8 de setembro. Tamén se celebra o Corpus, e a festividade de San Froilán, o 5 de outubro.

Lugares de interese:

Igrexa Parroquial de Santa María de Rendal. A actual Igrexa de Santa María de Rendal, de planta basilical, data do século XX, pero foi construída sobre o templo do século XVIII. Á dereita da nave ubícase o retábulo da Nosa Señora de Rendal, cuxo culto leva aos fieis a unha tradición pola que deben pasar por debaixo do seu altar, por algunha petición ou promesa realizada.
Finalmente, á esquerda da nave ubícase o retábulo de San Miguel, datado tamén no século XVIII. Á Virxe de Santa María de Rendal atribúeselle a cura da doenza de moas e oídos. Como todo santuario conta coa devoción de moitos/as fieis, que levan a cabo a tradición de tocar unha pequena campá cos dentes, para curar a súa doenza ou a dalgún familiar ou amigo/a.

Área Recreativa de Ribadiso. A área de Ribadiso dispón de varias zonas de esparcimento entre as que se atopa a praia fluvial, o merendeiro, barbacoas, as pistas polideportivas, o bar ou o parque infantil. Hai un gran número de pontellas por todo o circuito, creando unha fermosa paisaxe.

Albergue de Ribadiso. Era o antigo hospital de San Antonio, onde os peregrinos atopaban acollida e repouso. Na finca do albergue, consérvase un hórreo de madeira sobre cepas de pedra que ten uns sete metros de longo. Conta cun predio anexo e un contorno inmellorable cunha ponte medieval, pola que pasa o Camiño Francés, e a paisaxe circundante do río Iso.

Casa Grande de Trigás. A Casa Grande de Trigás, datada en 1927, foi realizada a partir do Pazo de Bascuas. A casa é propiedade de Ramona Seijas Ladrón de Guevara, emparentada coa familia orixinaria do Pazo de Bascuas.
Chégase á entrada principal da finca a través dun precioso paseo de carballos.
Os farois que hai na entrada da casa foron traídos da Estación de Atocha de Madrid polo avó da actual propietaria, José Seijas Moreno, que foi ferroviario alí, antes de ser alcalde de Arzúa, no século XIX.

Pazo de Bascuas. De propiedade privada. O conxunto pacego, fortificado por un gran muro de pedra, está composto polo pazo, a casa dos caseiros, un cruceiro e unha capela. O acceso realízase a través dun portalón monumental, que precede a unha carballeira, onde se sitúa un cruceiro. No pasado, ao parecer, os señores de Bascuas eran os «presenteiros» ante o bispado, sendo os encargados de recadar os tributos.