Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Dombodán (San Cristovo)

Extensión: 7’2 Km2

Poboación: 254

Núcleos máis importantes: Casal de Arriba, Dombodán, Gomesende, Gramil, Hortas, Navas, Outeiro, Pedreira, Portodemouros, Remesil, Torre, Trasbar, Trasmonte.

Festas parroquiais: As festas da parroquia son os días 30 e 31 de xullo. Tamén se celebra o Corpus (terceiro domingo de setembro) e a do Sagrado Corazón de Jesús (último domingo de maio).

Lugares de interese:

Fervenza das Hortas. A fervenza das Hortas é un dos límites naturais entre os concellos de Arzúa e de Touro. Consta de dúas caídas de auga, en gneis mesturados con cuarcita, duns 30 metros de altura, do Regato de Saímes. Tamén é coñecida polo nome de Fervenza de Santa Marta, debido a unha lenda que ten asociada:

A veciñanza ía moer ao muíño, e conta a historia que unha rapaza quedou embarazada do seu mozo, e este dixo que non a quería. Unha noite de muiñada, o mozo empuxouna pola fervenza, e mentres caía, ela dixo «Santa Marta me vaia!», e parou a caída un carballo que na fervenza estaba, salvándoa milagrosamente.

Igrexa parroquial San Cristovo de Dombodán. Do século XVIII. A porta principal, na fachada norte, remata cun frontón partido enmarcando a hornacina de San Cristovo. A súa portada, de estilo barroco compostelán, remata cunha espadana de dous vans, con cruz e pináculos nun frontón triangular. As lousas do cemiterio antigo continúan no adro da igrexa. Destacan os catro confesionarios embutidos na parede, dedicados a Santo Antonio, ao Neno Xesús, a San Cristovo e un deles aparece sen identificación.

Museo vivente do mel: “O enredo do abelleiro”. Museo fundado en 1994. No interior atopámonos na entrada a tenda de produtos alimenticios e cosmética. Seguindo hai unha galería fotográfica que mostra a vida e experiencia das abellas. A elaboración do mel pasa por tres fases que se ven nas salas de extracción, decantación e envasado. Dispón ademáis de laboratorio e unha aula para conferencias. No exterior vense dous apiarios un moderno e outro antigo. Tamén teñen unha pequena edificación con instrumentos de apicultura de antano así como a evolución deste oficio ata os nosos días.

Romaría do Viso. Celébrase a festa na carballeira do Viso unha vez ao ano, o día 1 de setembro. Unha das súas tradicións é soster a imaxe da Virxe na porta, para que os fieis pasen por debaixo.