Arzúa o destino verde de Galicia

O Punto de Información Turística de Arzúa supera o seu récord de visitas con case 7.000

6 noviembre, 2014

Oficina y peregrinos

A Oficina de Información Turística de Arzúa pecha as súas portas co maior rexistro de visitas dende a súa apertura, un total de 6.826 persoas realizaron algunha consulta neste servizo que permanecía aberto dende o pasado mes de xuño.

A oficina presta servizo aos milleiros de turistas e peregríns que cada ano visitan o noso concello e que nesta tempada marca unhas cifras históricas. Así se desprende do informe elaborado pola técnica de turismo encargada da oficina, Mari Carmen Sánchez, no que deixa constancia do número de persoas que se achegaron ata a oficina na procura de información entre os meses de xuño a outubro deste ano. Durante este período de 5 meses foron un total de 6.826 as persoas que pasaron polo punto de información na procura de información relativa á busca de aloxamento, lugares de interese que visitar en Arzúa, horarios de transporte e mesmo información xeral sobre o noso país ou datos concretos doutras rutas a Compostela.

Das case 7.000 persoas que visitaron a oficina, a maioría procedían de Francia, Alemania, Irlanda, Italia, Bélxica e mesmo Corea. Tamén se rexistraron visitas de turistas e peregríns procedentes de Austria, Eslovaquia, Estonia, Eslovenia, Hungría, Xapón, Letonia, Lituania, México, Polonia, Portugal, Reino Unido e EEUU. Salientan, entre outros, e nesta ocasión países como Australia que rexistrou 115 consultas ou Canadá con 106.

O maior número de visitas rexistrouse nos meses de xullo, agosto e setembro. A nivel estatal recibíronse visitas de prácticamente a totalidade das comunidades autónomas, salientando Madrid con 599 visitas, Cataluña con 487, Andalucía con 508 ou a Comunidade Valenciana con 410. Tamén a nosa comunidade aportou un importante número de turistas, un total de 215 galegos e galegas procuraron información durante este período do punto de información turística de Arzúa.

Coñecedor destes datos o alcalde de Arzúa, José Luis García, amosaba na mañá de hoxe a súa satisfacción “ante o funcionamento dun servizo que demostrou a súa valía e que superou todas as marcas de visitas rexistradas ata o de agora” e insistiu ademais en que se trata dun “servizo moi agradecido polos cidadáns e imprescindible para que os numerosos turistas e peregríns que nos visitan cada ano leven un bo sabor de boca do noso concello”.

Last modified: 6 enero, 2019

Comments are closed.