Arzúa o destino verde de Galicia

O concello de Arzúa rende homenaxe a Ana Kiro no calendario elaborado para o 2019

19 diciembre, 2018

Estes días comezará o reparto do novo almanaque, de xeito gratuíto, entre os veciños e veciñas

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa informa que nos vindeiros días repartirase entre os veciños e veciñas o calendario para o ano 2019 de forma gratuíta.
Coincidindo coa Feira de Nadal, este sábado 22 de decembro, farase o primeiro reparto dos calendarios entre os asistentes a partires das doce do mediodía e nos vindeiros días farase unha nova quenda por diversos locais de Arzúa e polas parroquias.
Os veciños e veciñas que residan na propia vila de Arzúa poderán recoller o novo almanaque na Casa do Concello, Oficina de Cultura e Deportes e Biblioteca Municipal. E, ademais, nos seguintes establecementos que colaboran cada mes colocando os carteis da programación cultural: Bar Pedrito, Casa Nené, Bar Praza, Parrillada Europa, Bar Ameixa, O Furancho de Santiso, Bar Karper, A Queixeira de Arzúa, Bar Luis, Bar Manolo, Café Teatro, Bar D`Susan, Confitería La Esquina, Librería Cartafol e Os Picariños. Tamén estarán dispoñibles no Centro de Saúde e Piscina climatizada.
E os veciños das parroquias poderán recollelo nos bares e tabernas correspondentes ou, onde non os haxa, na Igrexa parroquial ou contactando co correspondente alcalde pedáneo.
Os calendarios son de doce láminas mensuais e unha portada adicadas este ano a Ana Kiro, continuando así a homenaxe que se lle rindeu na última edición da Festa do Queixo. Cada folla permitiranos, ademais de mirar os días festivos ou as lúas correspondentes a cada mes, observar fotos da artista, recortes de prensa, curiosidades ou letras de cancións.

Last modified: 21 diciembre, 2018

Comments are closed.