Arzúa o destino verde de Galicia

O Concello de Arzúa organiza un campamento para que as familias poidan conciliar no Nadal

13 diciembre, 2017

O goberno municipal de Arzúa complementará, un ano máis, a programación cultural prevista para estas datas de Nadal cunha iniciativa do Departamento de Benestar Social, que dirixe Aurora Varela, e que se concreta na organización dun campamento de Nadal para colaborar coas familias do municipio na conciliación da súa vida familiar e laboral.
Trátase dunha alternativa lúdica e de ocio dirixida aos nenos e nenas do municipio con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos. Terá lugar os días 27, 28 e 29 de decembro e os días 2, 3 e 4 de xaneiro en horario das 9.30 ás 14 horas no Recinto Feiral Terra do Queixo.
Ao longo deses seis días as familias do municipio disporán dun lugar seguro no que os seus fillos e fillas xogarán e entreteranse baixo o atento cuidado de monitores especializados.
As familias interesadas en que os seus fillos e fillas participen no campamento de Nadal deben facer unha inscrición previa no segundo andar da Casa Consistorial. O prazo para inscribirse será dos días 18 ao 21 de decembro, ambos incluídos, en horario das 9 as 12 horas. O número de prazas é de 45 e iranse cubrindo por rigurosa orde de inscrición.
O programa previsto centrarase no ocio e divertimento dos nenos e nenas con actividades vinculadas ás datas do Nadal: confección e decoración de postais festivas, redacción das cartas para os Reis Magos, obradoiro de papiroflexia, pinta dedos, confección de adornos para a festa; elaboración de guirnaldas e moitas outras de carácter máis deportivo que rematarán cunha festa final do campamento.
A concelleira de Benestar Social, Aurora Varela, sinalou o importante esforzo que o goberno municipal de Arzúa fai co obxectivo de reforzar o apoio ás familias do municipio ofrecendo unha variada programación de actividades infantís gratuítas; lembrou ademais que a programación do seu departamento compleméntase coa que xa estaba prevista polo Departamento de Cultura que inclúe, entre outras, a actuación do Mago Antón o día 28 de decembro no Campo da Feira ou o Parque de Ludonadal o día 2 de xaneiro na Praza de Galiza en horario das 4 ás 8 da tarde con atraccións, obradoiros e inchables para os nenos e nenas.

Last modified: 13 diciembre, 2017

Comments are closed.