Arzúa o destino verde de Galicia

O Concello de Arzúa manterá este verán o programa de excursións Coñece o teu país

21 mayo, 2015

Excursión a Vilagarcía

O Departamento de Cultura informa que o Concello de Arzúa mantén o programa de excursións Coñece o teu país para este verán. A boa acollida que tiveron as viaxes programadas dende a Concellaría nas pasadas edicións animou aos responsables a darlle continuidade con novas visitas a diferentes lugares da xeografía galega ao longo dos meses estivais, de xuño a setembro.

Así, de maneira totalmente gratuíta, os veciños e veciñas poderán realizar catro novas excursións ás catro provincias galegas.

A primeira delas será o sábado, día 27 de xuño, á provincia da Coruña, en concreto ao municipio da Pobra do Caramiñal. Nesta xornada poderase coñecer máis de preto o Museo Valle-Inclán e, se o tempo o permite, algún dos seus areais como o de Cabío, entre outros recunchos turísticos da zona. As datas das visitas soen coincidir co último sábado de cada mes pero a correspondente á provincia de Lugo que se celebra en xullo, vaise celebrar este ano o sábado 1 de agosto por coincidir o derradeiro sábado co día do Apóstolo. Nesta ocasión o destino elexido será Monforte de Lemos para visitar a Fortaleza medieveal, o burgo medieval e xudería e o Pazo de Tor, un dos poucos en Galicia que conservan todo o seu mobiliario e obxectos. As dúas restantes serán, por unha banda, o sábado 29 de agosto á provincia de Pontevedra para coñecer a comarca do Deza e xa para rematar este ano, realizarase unha saída a Bande na provincia ourensá o sábado 26 de setembro.

Segundo se indica dende o Departamento de Cultura, todas as persoas interesadas en participar no programa deben achegarse persoalmente ao Departamento de Cultura, podendo anotar como máximo a un acompañante por cada solicitante. As prazas dispoñibles iranse cubrindo por orde de inscrición, sendo as mesmas limitadas.

O alcalde de Arzúa, José Luis García, anima a todos os veciños e veciñas a participar nesta nova edición do programa de Coñece o teu país que “seguimos mantendo con moito esforzo e adicación coa finalidade de brindarlle aos nosos veciños unha oportunidade de coñecer de maneira gratuíta os recunchos máis fermosos do noso país”.

Todas aquelas persoas que desexen apuntarse á primeira viaxe organizada para o vindeiro 27 de xuño á Pobra do Caramiñal, poden facelo a partir do vindeiro luns, 15 de xuño, no Departamento de Cultura do Concello de Arzúa entre as 8:30 e as 14:30 horas.

Lembren que a oficina do Departamento de Cultura está situada no edificio sociocultural María Mariño, na rúa Padre Pardo nº 33, no 1º andar (ao carón de Radio Arzúa).

Last modified: 22 diciembre, 2018

Comments are closed.