Arzúa o destino verde de Galicia

O Concello de Arzúa destinará máis de 250.000 euros a proxetos para a mellora da zona rural

3 diciembre, 2014

A Corporación Municipal de Arzúa vén de acordar as actuacións que se van incluir no Plan de Obras e Servizos 2015 que promove a Deputación Provincial. Arzúa recibirá deste plan un total de 365.666,66 euros que se destinarán á acometida de importantes actuacións encamiñadas a dar resposta ás necesidades cidadáns priorizando o desenvolvemento da democratización e ampliación dos servizos básicos e procurando igualar as oportunidade de crecemento e desenvolvemento entre os veciños do municipio.

Así, o goberno municipal que preside José Luis García propuxo para incluir dentro deste plan dúas importantes actuacións: renovar a sinalización do núcleo urbano de Arzúa e dalgunhas parroquias e ampliar a rede de abastecemento de auga potable a determinados núcleos da parroquia de Dombodán.

Dentro da primeira das actuacións, o que se pretende, explica o alcalde, é o subministro e colocación de sinais indicativas no casco urbano do municipio e outras de localización e indicación/orientación en diversas parroquias.

As sinais que se coloquen na zona urbana serán de chapa de aluminio, cantos vivos, con guías traseiras, reflexivas e con impresión dixital. Levarán un poste de aluminio anodizado cunha altura variable entre 3,50 e 4 metros segundo o tipo de sinal.

As parroquias nas que se procederá á renovación da sinalización e á indicación de novos lugares serán as de : San Estevo do Campo, Oíns, Dodro, Figueiroa, Tronceda, Viñós e Maroxo. Neste caso, as sinais terán as mesmas características que as que se coloquen na zona urbana.

O presuposto desta actuación ascende a 144.565,65 euros e segundo manifesta o alcalde, “a nosa idea é ir empezando a renovar a sinalización e colocando novas sinais naquelas parroquias nas que están máis deterioradas e, pouco a pouco, en canto as posibilidades orzamentarias nolo permitan ir ampliándoa ao resto das parroquias”; engadiu ademais que a pretensión do seu goberno “é igualar as condicións e oportunidades no acceso aos servizos de todos os veciños do municipio independentemente do lugar no que vivan”.

A esta filosofía de ir ampliando e democratizando servizos básicos responde tamén a segundo das actuacións que o goberno municipal levará a aprobación do pleno esta tarde; trátase da ampliación da rede de abastecemento de auga potable aos núcleos de A Torre, A Pedreira e Agra de Pares, todos eles pertencentes á parroquia de Dombodán.

Investiranse nesta actuación un total de 111.401,11 euros e as obras contarán cun prazo de execución de tres meses. A previsión das vivendas que se beneficiarán desta intervención serán dun total de 70, situadas ao longo dos lugares onde se acometerán as obras.

O obxecto destas obras, insiste o alcalde, “é seguir avanzando na dotación de servizos básicos ás parroquias do termo municipal, tratando de equilibrar os desaxustes existentes entre a zona urbana e a rural”.

Do total do presuposto que o Concello de Arzúa recibirá do ente provincial destinará un 30% do total a sufragar gastos correntes.

Last modified: 6 enero, 2019

Comments are closed.