Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

O Concello de Arzúa animará as feiras dos vindeiros meses co fabuloso mundo do monicreque

O Concello de Arzúa animará as feiras dos vindeiros meses co fabuloso mundo do monicreque

O Concello de Arzúa continúa desenvolvendo o plan de promoción e dinamización das feiras quincenais dos días oito e vinte e dous. Así, o vindeiro 22 de marzo, o espazo interior do Multiusos Terra do Queixo contará, dende as dez da mañá e ata aunha do mediodía, cunha Exposición dinamizada de marionetas tradicionais. Con esta mostra amosarase de preto a tradición, onde se poderá ver técnicas titiriteiras empregadas nas representacións ambulantes, pezas históricas destas representacións e formas para-teatrais relacionadas coa cultura dos títeres, algunhas das cales están desaparecidas case por completo. Lugar destacado ocupará Barriga Verde que coa súa barraca percorreu as feiras e romarías ata mediados do século XX. Durante a exposición Anxo García fará pequenas demostracións do funcionamento dalgunhas das marionetas expostas.

Os espectáculos de rúa con música en directo “Os tres porquiños e o lobo” e “O frautista de Hamelin” animarán os mercados de abril e maio.

Estas actividades serán realizadas pola compañía Viravolta creada no ano 1982 por Anxo García, Pilar Álvarez e Xulio Balado. Actualmente é unha das máis antigas de Galicia e dispoñen dun repertorio amplo con máis de trinta obras de diversos formatos, en moitos deles combinamos as marionetas coa música, de cámara ou tradicional.

Este proxecto municipal de dinamización das feiras quincenais leva por nome ‘Ven ás feiras do 8 e 22’, deu comezo no verán do ano pasado coa realización de actividades de animación e coa defusión a través de diversos medios publicitarios co fin de reactivar estes mercados tradicionais e impulsar a economía local.

O Concello seguirá coa promoción das feiras a través de cartelería, folletos e outros soportes publicitarios nas inmediacións do propio recinto feiral e coa difusión na web municipal, radio local, redes sociais e prensa.

O obxectivo tamén é dinamizar a vila con actividades variadas que poidan atraer a máis público e lograr que as persoas que nos visiten permanezan durante máis tempo en Arzúa e aproveiten, como se pretende con este plan, para facer outras mercas e quedar a xantar. Durante os meses de marzo, abril e maio contarase con propostas para todos os públicos centradas na temática do monicreque con exposicións, actuacións musicais e animación de rúa.

 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email