Arzúa o destino verde de Galicia

O ALCALDE DE ARZÚA REIVINDICA A PERMANENCIA DO GRUMIR NO MUNICIPIO

23 enero, 2013

 

Convocará unha Xunta de Portavoces para a aprobación dunha moción conxunta e fará canto sexa posible para que o servizo se manteña en Arzúa

 

O Alcalde de Arzúa, José Luis García López, anunciou a intención do seu goberno de facer todo o posible para  tratar de impedir que a Xunta de Galicia e a FEGAMP aproben a desaparición do Grupo Municipal de Intervención Rápida en Arzúa.

O alcalde ten previsto convocar unha Xunta de Portavoces para abordar esta cuestión e redactar unha moción conxunta entre todos os grupos políticos na que se esixa a permanencia deste servizo no municipio.

A decisión do alcalde vén motivada polas últimas informacións das que se ten coñecemento e que apuntan  á existencia  dun acordo entre todos os grupos políticos nas reunións que están tendo lugar entre a FEGAMP e a Xunta de Galicia para a confección dun novo mapa de emerxencias en Galicia, que implicaría a desaparición dos GRUMIR naqueles concellos onde existe un parque de bombeiros, para redistribuilos en zonas e municipios que carecen de persoal de emerxencias, a pesar de que realizan funcións completamente distintas.

Esta medida, que afecta aos concellos da nosa comarca, faise en cumprimento dun dos acordos do pacto local e implica a desaparición desta prestación no noso municipio, para reubicar o servizo noutro que carece da infraestructura e do persoal necesario para que poida ser eficaz.

Se a restructuración dos GRUMIR responde, como pretenden xustificar, a un intento por cumprir cun dos acordos do Pacto Local non se entende como non se pon o mesmo empeño noutros  importantes asuntos que tamén están dentro deste mesmo pacto e que sen embargo se están incumprindo. É así que, por exemplo, sinala o alcalde, no caso de Arzúa é o Concello quen está actualmente asumindo un gasto importante no mantemento do Colexio Público de Educación Infantil e Primaria, ao non ser asumida esta carga pola Xunta de Galicia, tal e como se establece nese mesmo documento.

O Alcalde entende que a supresión do GRUMIR en Arzúa non responde a ningún criterio obxectivo senón a unha decisión claramente política que implica deixar sen traballo a 15 persoas e obriga aos veciños e veciñas da nosa comarca a verse privados dun servizo moi necesario e beneficioso para o benestar de todos.

Ademais, sinala o alcalde, “hai certas cuestión que nos resultan difíciles de asumir no que concerne ás pretensións de que o GRUMIR desapareza do noso concello”. José Luis García non entende como a restructuración deste servizo pode contar agora co acordo de todos os grupos políticos cando “en anos anteriores se ten abordado esta cuestión e o grupo ao que pertence o noso goberno, o BNG, sempre se ten amosado contrario a esta decisión e ten feita toda a forza posible pola permanencia do GRUMIR en Arzúa”, agora, indica, “só queda preguntarnos qué cambiou para que o BNG non teña ningún interese en que estas 15 persoas do noso municipio manteñan o seu posto de traballo e os nosos veciños teñan que renunciar a un servizo básico e imprescindible”, o rexedor agarda un cambio de postura  dentro da súa propia formación e a reconsideración por parte do Goberno Galego e da FEGAMP desta decisión para que finalmente o GRUMIR siga prestando servizo en Arzúa. Engade ademais que “difícilmente os cidadáns poden asumir que, na época de grave crise económica que padecemos, o goberno autonómico gaste capital en crear infraestructura para este servizo noutros concellos cando aquí xa está creada e quedaría inutilizada” e matiza ademais que “se a idea é crear grupos supramunicipais dende o noso concello isto é perfectamente posible posto que o actual GRUMIR xa vén prestando servizo a outros municipios limítrofes como Boimorto, O Pino, Santiso, Touro, Melide ou Toques”.

 

Un servizo imprescindible dende 1997

 

O GRUMIR de Arzúa vén prestando servizo no municipio de maneira  eficaz dende hai máis de 15 anos. A día de hoxe conta cos medios, infraestructura e persoal necesario para seguir realizando esta prestación de xeito totalmente satisfactorio: forman parte del 15 traballadores, teñen unhas instalacións prácticas e novas, unha motobomba e dous vehículos especialmente acondicionados para o desempeño do seu traballo.

A súa labor vai moito máis alá da súa colaboracións cos departamentos municipais aos que axuda asiduamente e céntrase, ante todo, na asistencia ao cidadán. Sirva como exemplo a súa asistencia nos accidentes de tráfico ( no ano 2012 un total de 85); Arzúa concentra nun tramo de a penas 15 kms un total de 3 puntos negros nos que en menos de tres meses faleceron 6 persoas, tres delas membros dunha mesma familia este pasado fin de semana.

Fundamental é tamén o seu traballo na asistencia aos peregríns, Arzúa é núcleo importante do Camiño de Santiago, última etapa ás portas de Compostela e a súa labor imprescindible á hora de informalos ou distribuilos nos recintos públicos que se acondicionan para a súa pernoctación, falamos de cifras de milleiros de persoas cada ano.

Os efectivos do GRUMIR colaboran directamente coas asociacións municipais e cos centros de ensino, onde prestan o seu servizo na entrada e saída dos menores ao recinto escolar (203 intervencións no 2012) Ás asociacións trasládanlle o material e sempre están pendentes do peche e apertura dos recintos.

Manteñen unha colaboración directa co Concello no reparto de cartelería e noutras labores de notable importancia como o acondicionamento de locais sociais, limpeza de zonas verdes, coidado e mantemento da infraestructura viaria e regulación do tráfico en actos organizados: entroido, cabalgata de reis…A súa disposición é absoluta en temas de emerxencia social e o seu traballo imprescindible en datas como as da Festa do Queixo ou das feiras mensuais dos días 8 e 22.

Insustituible é a súa labor na regulación do tráfico en enterros (102 no 2012) e actos de masiva afluencia, máxime tendo en conta que Arzúa só conta con dous efectivos no corpo da policía local.

Cómpre non esquecer moitas outras labores como a recollida de animais abandonados (32 vivos recollidos na vía en 2012 e 27 mortos neste período) ou o servizo que ofrecen aos veciños e veciñas do rural  que ante calquera incidente sempre contan coa súa colaboración: limpeza de camiños, desbroce, problemas no alcantarillado, regulación do tráfico nas festas e romerías (un total de 34 no 2012). Fundamental tamén é o seu traballo na extinción de incendios, no pasado ano 2012 asistiron a 15 incendios urbanos e 20 forestais.

Ninguén en Arzúa pode prescindir deste servizo e o goberno municipal agarda unha reconsideración na postura da FEGAMP e da Xunta de Galicia, para que o GRUMIR siga sendo unha realidade e non só o desexo de contar cun servizo imprescindible para un concello tan extenso e diseminado como é Arzúa.

Last modified: 23 diciembre, 2018

Comments are closed.