Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

O Alcalde de Arzúa asina un convenio de colaboración co Xacobeo para o mantemento do Camiño de Santiago

O Alcalde de Arzúa asina un convenio de colaboración co Xacobeo para o mantemento do Camiño de Santiago

O alcalde do Concello de Arzúa, José Luis García López, vén de asinar un convenio de colaboración entre a Sociedade Anónima do Plan Xacobeo e o Concello de Arzúa para actuacións de conservación e rehabilitación do Camiño Francés ao seu paso polo noso municipio.

O acto tivo lugar no Concello de Portomarín e a súa sinatura vai reportar un total de 16.000 euros ao concello que se destinarán a labores de conservación da ruta de peregrinación máis importante do vello continente, encontro de culturas e orixe da unidade de Europa.

O convenio obriga ao Concello de Arzúa á protección do Camiño Francés, que comprende en Arzúa 16 quilómetros,e ao cumprimento de diversas actuacións que se concretan en tarefas  de limpeza de residuos e roza de maleza así como á súa retirada. O Concello tamén está obrigado a adoptar todas as medidas que sexan necesarias para evitar o deterioro ou destrucción da ruta dacordo coas medidas establecidas na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia e a Lei de Protección dos Camiños de Santiago. Na realización dos traballos deberase ter en conta a importancia histórica do Camiño Francés, utilizando para as reparacións materiais acordes co estado e estrutura do Camiño.

O alcalde de Arzúa, José Luis García, daba conta esta mañá da importancia de seguir apostando por este tipo de actuacións que buscan seguir preservando “unha identidade cultural que se fixo posible pola existencia dun espazo cargado de memoria colectiva e cruzado por camiños capaces de superar as distancias e as fronteiras” e engade ademais que “é unha labor de todos nós velar pola conservación do Camiño Francés xa que ademais dun símbolo de identidade e un dos principais sustentos da economía do noso municipio”.

O alcalde agarda que, a maiores deste convenio, nas vindeiras datas dende a Xunta de Galicia procedan á reparación daquelas tramos de Camiño que o propio rexedor solicitou ante o Xacobeo e a Dirección Xeral de Patrimonio e que quedaran seriamente danados tralo temporal de choiva que tivo lugar a finais do mes de xaneiro.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email