Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

MJ Pérez presenta en Arzúa o seu novo disco «Casandra» este sábado

MJ Pérez presenta en Arzúa o seu novo disco "Casandra" este sábado
A Casa da Cultura de Arzúa será o escenario que acollerá o día 30 de setembro a presentación do seu terceiro traballo discográfico

A cantautora MJ Pérez presenta o seu terceiro traballo discográfico (primeiro de estudio) na súa vila natal. Será o sábado 30 de setembro, nunha noite do máis especial, na que MJ estará rodeada da súa banda e das colaboracións que participaron neste novo CD.

Deste xeito, MJ Pérez compartirá ao vivo o que poderemos atopar neste álbum que marca un antes e un despois na súa traxectoria. Trátase dun traballo no que, sen deixar de lado a esencia, a artista explora novos camiños e estilos no eido musical. O single que a artista presentou en agosto, “Ai de Min!”, é unha boa mostra disto.

Á xa coñecida banda composta por Diego Fiuza á guitarra, Inés Mirás ao baixo e Alberto Rama á batería, súmase unha lista de colaboracións que enriquecen notablemente este novo traballo. Trátase de Richi Casás nos ventos, Martiño Cabarcos na zanfona, Paco Cerdeira no Bouzouki, Ailén Kendelman (compoñente da formación Áureas) nas percusións e o artista da costa da morte Serj que interpreta un tema a dúo con MJ.

Este é o primeiro traballo de estudio da cantautora, que continúa no camiño da auto-produción, mais buscando continuamente a mellora disco tras disco. Casandra é un álbum gravado no estudio dos Locais de Ensaio do Concello de Arzúa, por tanto, dobremente especial para a artista, que na gravación e mistura contou co bo facer de Paco Cerdeira. Colaboraron tamén: Chou na masterización, Xoana Almar (de Cestola na Cachola) co deseño da portada do CD e o portugués Joel Faria deseñando unha serie de retratos que ilustran o interior do álbum. O Concello de Arzúa colaborou facilitando en todo momento o acceso e uso das instalacións do estudio, así como a axuda e preparación da presentación do disco, que será na Casa da Cultura.

Casandra

O título do disco é unha referencia ao mito grego de Casandra.

Casandra posuía o don da profecía e era quen de adiviñar o futuro. A raíz dun conflito co deus Apolo, Casandra foi castigada: mantería o seu don, mais ninguén crería nela. A traxedia de Casandra chegou cando foi quen de prever a guerra e caída de Troia e ninguén creu nas súas súas advertencias.

Making Of

Compartimos o vídeo do Making Of deste novo CD: https://youtu.be/AHBCBEs3hlk

Será o día 30 de setembro, ás 21h, na Casa da Cultura do Concello de Arzúa. Entrada de balde (aforo limitado)

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email