Arzúa o destino verde de Galicia

Máis de 1.200 persoas participarán este sábado na XVII Festa dos Maiores de Arzúa

19 abril, 2013

O Concello de Arzúa xa ten ultimados os detalles da que será a XVII edición da Festa dos Nosos Maiores, que se celebrará o sábado, día 20 de abril, a partir das 12,30 horas no entorno do Recinto Feiral Terra do Queixo.

A Concellería de Benestar Social, departamento encargado da organización do evento, ten prevista a asistencia de máis de 1200 persoas cuxo único requisito para a participación no mesmo é ter cumpridos os 65 anos e estar empadronados no Concello de Arzúa, tamén poderán acudir os acompañantes daquelas persoas maiores que non poidan valerse por si mesmas.

A programación prevista para o sábado, dada a coñecer pola edil do departamento, Aurora Varela, sigue en liñas xerais “o itinerario marcado noutros anos tratando con este acto de recoñecer a grande aportación que realizan as persoas maiores á sociedade e cooperación social”.

Deste xeito, os convidados están citados para as 12,30 da mañá onde será recibidos con música en directo, previa á celebración da tradicional Misa Campestre prevista para as 13 horas do medio día. Ao redor das 13:30 horas dará comezo o pregón de benvida aos asistentes a cargo da Concelleira de Benestar Social así como un saúdo de benvida do alcalde de Arzúa, José Luis García López. Como xa vén sendo tradición, no acto farase entrega de agasallos ao home e muller de maior idade entre os congregados no evento. A partir das 14 horas os maiores de Arzúa están chamados a degustar un exquisito xantar a base de callos, carne ao caldeiro e postre. A novidade desta edición aportarana un grupo de maiores da residencia de Arzúa que reunidos baixo o nome “A flor dos anos” formaron un coro que, para a ocasión, deleitará aos presentes cun repertorio de cancións de festa.

A celebración da Festa dos Maiores de Arzúa pon de manifesto, unha vez máis, o interese do goberno municipal pola “posta en valor da labor que realizan os maiores e a dimensión de traballo que moitos deles levan a cabo dende a solidariedade”. Boa mostra delo, explican dende o executivo local, son as persoas voluntarias que colaboran nos diferentes centros organizando actividades ou  servindo de apoio noutras tarefas cotiás, son exemplos disto en Arzúa o Clube de Xubilados ou a Residencia de anciáns.

Ademais do acto previsto para mañá sábado, o Departamento de Benestar Social continuará a desenvolver diferentes iniciativas orientadas á protección e dinamización deste colectivo. De feito, o goberno municipal xa ofrece en Arzúa multitude de actividades encamiñadas a contribuir a que o colectivo de persoas maiores se manteña activo, gocen dunha boa saúde, conserven a súa autonomía na medida do posible e manteñan unha boa calidade de vida ofrecéndolles ademais a posibilidade de elixir entre as opcións de lecer que máis lles conveñan: talleres de teatro, cursos de informática, formación en habilidade sociais e manualidades, programas para o reforzamento da memoria, actividades físicas e viaxes culturais, entre outras.

Last modified: 24 diciembre, 2018

Comments are closed.