Arzúa o destino verde de Galicia

Instalación de marquesiñas

1 octubre, 2011

Arzúa destina máis de 300.000 euros á colocación de marquesinas e á compra dun novo camión para a recollida do lixo

Colocaranse 64 marquesiñas nos lugares máis necesarios das parroquias e dúas delas no casco urbano.

O Concello de Arzúa contará nos vindeiros días cun novo vehículo recolector-compactador para a recollida diaria do lixo despois de que o goberno municipal do BNG acordara na Xunta de Goberno Local a adxudicación da súa compra á empresa Louzao Vehículos Industriales Coruña S.L. por un importe de 131.865 euros.

Esta nova adquisición foi posible grazas á sinatura dun convenio entre o Concello de Arzúa e a Deputación Provincial da Coruña e permitirá mellorar e facer máis eficaz o sistema de recollida diaria de residuos que efectúan os operarios municipais.

O novo vehículo súmase así ás múltiples medidas postas en marcha polo goberno municipal para o coidado do medioambiente e a aposta pola reciclaxe, unha constante dos últimos anos que comezou a facerse efectiva tralo peche do vertedoiro incontrolado e ilegal de Maroxo. O vehículo completa ademais o renovado parque móbil municipal.

64 marquesiñas para as parroquias do municipio

A Xunta de Goberno Local serviu, ademais, para proceder á adxudicación de 64 paradas de bus que se instalarán no vindeiro mes nas parroquias do municipio.
O goberno municipal do BNG conseguiu a financiación suficiente para a compra das marquesiñas grazas á sinatura dun convenio de colaboración coa Deputación Provincial, que axuda a cofinanciar a adquisición das 64 paradas que terán un custe de 180.484,99 euros.

A empresa Baygar será a encargada de facer efectivo no vindeiro mes de maio o acordo do goberno municipal e procederá á colocación das marquesiñas naqueles lugares nos que se fagan máis necesarias e se dean as circunstancias físicas que permitan a instalación da infraestructura. Dúas das marquesiñas serán instaladas no casco urbano, en concreto na zona onde ten a súa parada a liña de bus que cubre o traxecto entre Lugo e Santiago, á saída da vila en dirección a Melide.

Dende o goberno municipal apuntan que as marquesiñas serán colocadas, nalgúns casos, en substitución doutras que presentan un grave estado de deterioro e noutros casos en lugares onde non existen e se fan precisas, sobre todo, para os nenos e nenas que agardan polo transporte escolar ou para o seu uso por parte da poboación de maior idade.

Last modified: 22 diciembre, 2018

Comments are closed.