Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

II Feira do Libro de Arzúa

Arzúa abre o prazo de inscrición para participar na súa Feira do Libro

O casco histórico da vila acollerá o 4 de maio a segunda edición dun evento que agarda repetir o éxito do pasado ano.

O Concello de Arzúa organiza a segunda edición da Feira do Libro co obxecto de promover o hábito lector e a dinamización cultural e comercial do casco histórico da vila.
A cita terá lugar o sábado, 4 de maio, na rúa Cima do Lugar en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00h. Se o tempo non acompaña, o mercadiño instalarase no Multiusos Terra do Queixo.
Poderán participar na feira todas as persoas interesadas que queiran expoñer e vender os seus produtos, sempre que sexan maiores de idade. Os artigos que se admiten son: libros, revistas, coleccionables, cómics, xoguetes educativos, discos de vinilo, CDs e cassetes, orixinais, novos, de segunda man ou descatalogados. Tamén se aceptan artigos de papelería, deseño gráfico e creacións artísticas. Cada posto deberá expoñer obrigatoriamente artigos de lectura.
As prazas son limitadas e a ocupación dos postos cubrirase por rigorosa orde de inscrición, con preferencia das persoas que, cumprindo os requisitos, estean empadroadas no municipio.
O mercado terá carácter gratuíto tanto para expositores como para visitantes. O Concello de Arzúa porá a disposición de cada participante un espazo dun máximo de 6 metros lineais para colocar o seu propio posto ou as mesas solicitadas previamente.
Para participar é preciso achegar a solicitude presencialmente no Departamento de Cultura, tamén se poderán facer as inscricións por correo electrónico ao enderezo cultura@arzua.gal ou por fax ao 981 500 914. O prazo de presentación de solicitudes é do 1 ao 15 de abril. Máis información no teléfono 981 500 222.
A selección dos postos admitidos será comunicada a través de correo electrónico o día 16 de abril. O resultado publicarase na páxina web e redes sociais do Concello de Arzúa.
A feira contará con actividades paralelas para atraer a máis público e que se darán a coñecer nos próximos días.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email