Arzúa o destino verde de Galicia

Historia

PREHISTORIA

Son abondosas as pegadas que os pobos prehistóricos deixaron no noso concello. Eran sociedades de cazadores e recolectores que entre o 3.500 e o 1.500 a.C. desenvolvían a cultura megalítica. Tiñan como elemento arquitectónico fundamental da súa civilización as mámoas ou medorras, monumentos funerarios que indican a existencia dunha organización e crenza relixiosa.

En Arzúa hai catalogadas máis de trinta destas construcións.
Co paso dos anos, estas poboacións, probablemente transhumantes, comezaron a practicar unha rudimentaria agricultura e a facerse cada vez máis gregarios.

O BRONCE

Na Idade do Broce e principios de Hallstat os poboadores asentábanse nos castros, aldeas fortificadas, e manexaban a metalurxia do cobre do bronce e tamén a ouribería. Poucas pezas se atoparon de cobre e bronce polo axofrada que é a terra de Arzúa pero téñense topado pezas de ouro como o torque do castro de Burres.

CHEGAN OS ROMANOS

Plinio O Vello transmítenos o Censo do Xeneral Agripa que vén dicindo que polo ano 20 a.C. habitaban no interfluvio Tambre-Ulla, onde se atopa o noso Concello, os Cóporos e os Célticos Supertamáricos. Habitaban, como se dixo, en aldeas fortificadas e tiñan un modo de vida que unificaba todo o noroeste peninsular nunha cultura: A Cultura Castrexa. Os castros son moi numerosos en Arzúa podendo relacionar un con cada parroquia como se desprende do estudo “A relación castro-parroquia” feito sobre o Concello de Arzúa polo investigador británico Meyer.

A xente dos castros adoraba as fontes e os fenómenos da natureza e facía rituais nas encrucilladas dos camiños. Proba desa relixiosidade son os santuarios cristianizados da Fonte Santa en Lema, da Mota en Santo Estevo do Campo ou do Viso en Dombodán.

A chegada dos romanos mellora as vías de comunicación ao construír a ponte de Ribadiso e trazar a vía XIX que unía Aseconia (Santiago) con Lucus Augusti (Lugo). Preto de Arzúa instalaron un campamento militar “Brevis” para controlar a explotación das minas de ouro das que quedan vestixios en Viladavil, Pantiñobre ou Dombodán . A Calzada en Burres, Vilantime, Viladavil, etc. son mostras inequívocas da notoria presenza dos romanos na nosa terra.

O CAMIÑO

No escenario medieval, baixo o señorío da mitra de Compostela, xurde a invectio do sartego do apóstolo Santiago o Maior e, con el, as peregrinacións xacobeas. O auxe destas peregrinacións fai nacer na encrucillada de camiños unha pequena aldea que o Codice Calixtino chama Vila Nova. Este asentamento sería, pasado o tempo, Santiago de Arzúa. Para asistir física e espiritualmente aos peregrinos, érguese o hospital de Ribadiso da Ponte e os frades Agostiños de Sarria acadan autorización do arcebispo de Compostela para construír o convento da Madanela coa obriga de dar asistencia aos peregrinos.

No ano 1587, vendo que os piratas ingleses ao mando de Francis Drak ameazaban con destruír Compostela, o arcebispo Juan de Sanclemente y Torquemada agachou o sartego para que non fose expoliado polos invasores. Este feito representou a case desaparición das peregrinacións durante 300 anos. No 1887 o Cardenal Miguel Payá y Rico facía unhas reformas no Altar Maior da Basílica e a noite do 28 de xaneiro de 1878 os traballadores furaron unha pequena bóveda e apareceu unha furna cos esqueletes de tres homes. O Papa León XIII comunícalle ao mundo na encíclica “Deus Omnipotens” o descubrimento dos restos do Apóstolo. Pero as peregrinacións seguen sendo minoritarias e pouco eco tiñan nos pobos que atravesaban, como Arzúa. Só dende a declaración das Rutas Xacobeas como 1º Itinerario Cultural Europeo (1987) polo Consello Europeo e Ben Patrimonio da Humanidade 1993 pola UNESCO, só, dicimos, a partir dese momento a peregrinaxe acada a importancia que tivo na Idade Media.

Conta pouco, pois, no desevolvemento histórico da Arzúa moderna a peregrinación. Máis importancia tivo, sen dúbida, a Inquisición como máquina represora inventada por Torquemada. Hai constacia de comisarios e familiares da Inquisición en Burres, Calvos, Viladavil, Dombodán e Arzúa.

As guerras que sostiña Felipe II nesas datas para mater a hexemonía fan precisa a recluta forzosa de mozos que ordenaba o seu acólito o Arcebispo de Santiago. Concretamente nas parroquias da Mella e Viladavil son reclutados e eles mesmos levarán o armamento que lles mandan: “Lopo da Mella, unha pa; Bartolomé de Peceñe (Viladavil), un legón; Julio de Bouçalonga (Viladavil), espada e lança; Gómez de Afonso da Mella un arcabuz”. E, así, outros moitos. Tamén se produce unha tala indiscriminada das carballeiras para abastecer de madeira aos estaleiros que fabricaban os barcos para que a Armada Imperial fose dona dos mares do mundo.

O SÉCULO XIX

Xa no século XIX, a Guerra Carlista marca fondamente o noso Concello pois foi propiamente en Arzúa onde Antonio López, quen visitara a D. Carlos en Portugal, comeza a Guerra Carlista. Xunta unha partida de once homes e, despois de atracar ao secretario do Concello en Pantiñobre –que custodiaba as arcas municipais-, a quen lle deixan por escrito a cantidade subtraída para apoiar a causa carlista, inician as operacións militares. López foi abatido, despois de moitas accións exitosas, nunha emboscada que lle tendeu o oficial Luna do Exército Isabelino en Cardeiro, Boimorto, en xullo de 1838. O seu corpo foi exposto na praza de Arzúa e noutros lugares da comarca. A cabeza, cravada nunha pica, na Praza do Obradoiro en Santiago.

Na década dos anos trinta coa publicación da Lei de Burgos, que dividía o estado en provincias e municipios, establécese Santiago de Arzúa como capital do municipio en detrimento de Burres. A partir de aquí comeza o desenvolvemento da área urbana de Arzúa, dotándoa de escolas, cárcere e Casa para o Concello, edificios que hoxe ocupan o Xulgado, o Conservatorio e a Casa do Concello, respectivamente.

A precaria situación económica producida pola inseguridade política daqueles tempos, uns gobernos conservadores amparados pola igrexa e un modelo de propiedade da terra cuasi feudal provocan unha fortísima vaga migratoria cara América. Os arzuáns emigraron fundamentalmente para Cuba e Arxentina onde aprenderon novas formas de vida e de pensamento; moitos deles regresaron na fin da Ditadura de Primo de Ribera e participaron activamente no triunfo da República.

A II REPÚBLICA

O triunfo da República co autoexilio de Alfonso XIII abre a paréntese máis progresista da historia do concello. Nacen numerosas forzas políticas e sindicais e érguense numerosas escolas con mestres titulados e con capacidade de preparar as novas xeracións.

A GUERRA CIVIL

Esta etapa de progreso é freada polo golpe militar comandado polo xeneral Franco.
A sublevación comeza en Arzúa o día 22 de xullo de 1936 cunha espantada xeral na feira onde se produciron varios disparos. Un grupo de arzuáns afectos ao goberno lexítimo da República trataron de chegar a Curtis para poder traer munición e dinamita para voar a ponte do Gato sobre o río Iso e impedir o paso dos militares fascistas ás ordes do capitán Saavedra.

Os insurrectos fixéronse donos da vila e comeza entón a represión co asasinato e a tortura de moitos veciños e veciñas. Moitos mestres son represaliados e os labregos que actuaban como pasantes da guerrilla antifranquista sofren cárcere e tortura. Nos finais de agosto do 36 é asasinado o alcalde D. Juan Vidal.

A CONSTITUCIÓN DO 78

Despois de 40 anos de ditadura, no ano 1978 restáurase a normalidade democrática. Nos primeiros comicios democráticos eran sempre partidos conservadores ou independentes os que acadaban a primeiras maiorías pero pouco a pouco a normalidade e a pluraridade democrática vai dando representación a todos os partidos do arco político. Na actualidade o goberno de Arzúa está composto por seis edís do BNG, a forza con máis número de votos, seis do PP, e un do PSOE.

ACTUALIDADE

Actualmente Arzúa conta cun equipamento cultural e deportivo de primeira calidade, un apreciable tecido industrial, e un sector agrogandeiro dos máis importantes de Galiza. O sector servizos, principalmente a hostelería, desenvolveuse notablemente pola influencia da rehabilitación dos Camiños de Santiago.

Arzúa foi o berce onde naceu, grazas a Festa do Queixo, o queixo con denominación de orixe Arzúa-Ulloa, un dos piares económicos. Arzúa é a Terra do queixo, ao tempo que, Destino Verde e Pórtico de Compostela.

Comments are closed.