Arzúa o destino verde de Galicia

Forte aposta do goberno local pola Escola Municipal de Música que presenta a oferta máis atractiva dos últimos anos

11 septiembre, 2012

A creación dun coro, a incorporación de clases de canto, a oposta pola música moderna e a posibilidade de tocar os instrumentos máis diversos centran boa parte da oferta educativa e musical

 

Arzúa, a 11 de setembro de 2012.- O goberno municipal de Arzúa daralle un importante pulo á Escola Municipal de Música coa incorporación de novas especialidades e co obxectivo de facela atractiva para a participación de todos os veciños e veciñas de Arzúa, con independencia da súa idade e das súas inquedanzas educativas e culturais.

O Concello de Arzúa pretende así e xa para o curso que está a piques de comezar ofrecer dous ámbitos de ensino ben diferenciados: os estudos oficiais que se imparten no conservatorio e para os cales se ampliaron as especialidades de canto clásico, viola, violonchelo e contrabaixo e por outra banda e no outro ámbito de estudos os de carácter non oficial que son os que se ofrecen a través da Escola Municipal de Música, onde o alumnado pode elixir o ritmo de aprendizaxe así como as especialidades que quere cursar ao tratarse de estudos libres.

É no contexto da Escola Municipal de Música onde o goberno municipal pretende, a través dun estudado e novidoso proxecto educativo e cultural, potenciar e inculcar a actividade musical e cultural na vila e no seu contorno. Ademais de garantizar a continuidade da xa consolidada Banda de Música de Arzúa, agora apóstase pola creación dun coro musical así como por potenciar os grupos de música moderna coa incorporación da especialidades de canto moderno, clásico e jazz.

A novidosa programación está pensada para que calquera veciño de Arzúa poida facer realidade as súas inquedanzas musicais de xeito práctico e coas maiores comodidas posibles. A Escola Municipal de Música ofrece a posibilidade de participar en actividades colectivas como é o caso da formación coral que se creará  e á que se convida a todos os veciños, tamén ofrece a posibilidade de inscribirse nas clases de linguaxe musical ou no que se denomina café-tertulia musical e que se presenta como unha das novidades máis atractivas.

Ao mesmo tempo e de xeito individual calquera cidadán maior de oito anos terá tamén a posibilidade de matricularse para o estudo libre de diversos instrumentos, entre eles salientan como novidade o baixo, violonchelo, violín clásico e violín folk, baixo eléctrico e guitarra eléctrica. A oferta amplíase de xeito salientable ás especialidades vinculadas coa música moderna ofrecendo a posibilidade de recibir clase de canto moderno, jazz  ou clásico.

As persoas interesadas en formar parte deste proxecto musical poden matricularse no edificio da Casa da Cultura entre os días 14 e 21 deste mes de setembro.

Last modified: 22 diciembre, 2018

Comments are closed.