Arzúa o destino verde de Galicia

Exposición «V Premio de Arte Gráfico Jesús Nuñez»

17 abril, 2012

O Departamento de Cultura do Concello de arzúa abre este mércores 18 de abril a mostra do V Premio Internacional de Arte Gráfico Jesús Núñez que se poderá visitar na Capela da Madanela ata o próximo día 1 de maio, en horario de 19:00 h a 21:00 horas.

A exposición reúne un total de 30 obras seleccionadas entre artistas de máis de vinte e un países e realizadas en todas as técnicas que nos ofrece a arte gráfica, de tal forma que o seu percorrido é amplo e variado. A exposición perocrreu os concellos de Betanzos, Ames, Muros e Fisterra para chegar a Arzúa esta semana.

A exposición atópase capitaneada pola obra gañadora Planetas illados 0.0 da sevillana Ana Soler, acompañada de dous accésit; a obra D’aprés Romeo de Julio Almas (Lisboa, Portugal) e A Orixe de Minia Martínez (Brión, A Coruña). Estas tres obras premiadas veñen acompañadas doutras vinte e sete, onde se poden atopar artistas alemáns, arxentinos, búlgaros, franceses, mexicanos, romaneses e tamén de todo o territorio estatal.

Esta exposición enmárcase nas accións que se desenvolven ao abeiro do premio internacional convocado pola Deputación da Coruña co fin de contribuír ao desenvolvemento da arte gráfica e en recoñecemento á ampla traxectoria do artista Jesús Núñez.

Dende a Concellería de Cultura, Mociade e Educación do Concello de Arzúa, Natalia Pereira Rey anima a visitar esta mostra “que nos achega a Arzúa diferentes obras de distintos artistas do mundo nun marco tan excepcional como é a nosa Capela da Madanela”.

Last modified: 22 diciembre, 2018

Comments are closed.