Arzúa o destino verde de Galicia

Estrea da curta «Cruces», o 21 de abril en Arzúa

12 abril, 2012

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa informa que o sábado 21 de abril estrarase na Capela da Madanela a curtametraxe Cruces. O director, Jose Cadaveira, decantouse por Arzúa para a estrea porque distintos lugares do concello serviron como escenario da producción cinematográfica.

O acto comezará ás seis da tarde coa proxección da curtametraxe na que participaron varios arzúans. Víctor Carreira forma parte do reparto xunto con Mirta Sueiro, Diego Fiuza é o compositor da música orixinal e en tarefas de proxucción traballaron Manuel Penas Coego e Javier Penas Vázquez.

Despois da proxección haberá un coloquio no que participarán o público asistente, os actores e o equipo técnico.

A historia que se conta en Cruces segue ao protagonista, persoa poética e solitaria, en busca do elemento que lle falta na súa vida e plantexa ao espectador a pregunta de si vivimos nun mundo gris cheo de beleza ou, pola contra, nun mundo colorido e triste.

A carballeira da Mota e o casco urbano de Arzúa foron escenarios empregados para a grabación xunto coa Praia do Orzán e o parque de San Pedro na Coruña e os lugares de Coristanco, Portomarín, Marcelle e Allariz.

A cita rematará con pinchos para os asistentes.

A Concelleira de Cultura, Natalia Pereira, convida a todos e a todas a asitir “para apoiar este proxecto audiovisual no que Arzúa ten moito protagonismo”.

Cruces proxectarase unha segunda vez no Pub El Ambigú da Coruña o 27 de abril.

Last modified: 22 diciembre, 2018

Comments are closed.