Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Entra en vigor a ordenanza que regula as sacas de madeira no Concello de Arzúa

Este martes, 19 de febreiro, comezará a aplicarse no término municipal de Arzúa a Ordenanza Municipal para a protección e conservación dos camiños e vías públicas municipais en relación coas operación de saca de madeira trala súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

Coa aplicación desta nova normativa o goberno municipal que preside o alcalde, José Luis García, dá resposta a unha das demandas prioritarias de moitos dos nosos veciños do rural, que dende hai anos se veñen queixando do deterioro que se produce nas pistas e camiños das parroquias cando se levan a cabo operacións de tala e saca de madeira.

A ordenanza que entra en vigor terá como finalidade primordial a de velar pola debida conservación dos camiños e vías públicas en relación cos danos e desperfectos que poden sufrir como consecuencia das operación de saca de madeira e para protexer ás persoas, vivendas e outras edificacións nos supostos de incendios forestais. O obxecto é facer compatible a actividade de aproveitamento forestal coa preservación do medio natural, a protección paisaxística, a conservación de camiños e a seguridade vial.

Enténdese por operacións de saca de madeira a totalidade das que se desenvolvan para a obtención de madeira de tala, tanto as previas á corta (desprazamento de vehículos e maquinaria, preparación dos terreos…) como as posteriores (preparación, depósito, carga e transporte). Quedan excluídas as talas puntuais de exemplares de árbores illadas, as podas en plantacións forestais e os traballos de desbroce e limpeza de predios, entre outros.

Para garantir o cumprimento da ordenanza os madeireiros deberán presentar, con 15 días hábiles de antelación ao comezo dos traballos, un escrito de comunicación previa así como aportar unha serie de documentación tal e como se prevé na ordenanza.

Previamente ao inicio dos traballos de saca de madeira, os servizos técnicos urbanísticos ou ben os funcionarios da Policía Local, comprobarán o estado físico dos camiños e vías que vaian ser utilizados e poderán, excepcionalmente, denegar ou limitar o acceso por calquera das vías ou zonas indicadas no escrito de comunicación previa, de forma motivada, tendo en conta o seu estado, a resistencia do seu firme, a súa ubicación, a súa utilización na data solicitada para outros fins, ou calquera outra causa xustificada.

Os madeireiros terán a obriga, entre outras, de limpar, retirar ou eliminar os residuos procedentes da corta de madeira e das operacións de carga e almacenamento, de xeito que as pistas, camiños ou espazos públicos queden en todo momento no mesmo estado de limpeza e conservación que tiñan antes de levarse a cabo esas operacións; para responder destas obrigas deberán depositar garantía a prol do Concello, que recuperarán unha vez rematen os traballos e se comprobe o cumprimento das súas obrigas.

A ordenanza establece ademais unha serie de infraccións que poderán ser tipificadas como moi graves, graves e leves e conlevarán unha multa que poderán ir dende os 300 aos 3000 euros.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email