Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Domingo 13 de abril «As fabas máxicas» en Arzúa

As fabas máxicas

O programa de dinamización lingüística FalaRedes, organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, presenta a actividade As fabas máxicas, que en abril comezará a súa xira polos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

A iniciativa de fomento do galego inclúe este ano 150 propostas lúdicas a través dun total de cinco actividades que buscan promover o uso e valoración positiva da lingua de Galicia, especialmente entre a infancia e a mocidade, enchendo o seu tempo de lecer con actividades de calidade no noso idioma.

Logo de botar a andar en marzo co concerto infantil-familiar Toc Toc, a terceira edición de FalaRedes amplía a súa programación coa peza de teatro As fabas máxicas, tamén dirixida ao público familiar, nomeadamente á xente miúda, e co galego como lingua. Neste espectáculo, contado en primeira persoa a través da dramaturxia de autor e de monicreques, Caramuxo Teatro achéganos unha nova versión do coñecido conto infantil Xan e as fabas máxicas.

Tras criarse na aldea con súa avoa, Xan vive agora de adulto nun apartamento de Nova York. Un día, coidando as plantas da súa terraza, descobre algo que lle fai lembrar unha infancia chea de aventuras.

Dirixida a nenos e nenas a partir de 4 anos, o obxectivo desta segunda proposta de FalaRedes é que a cativada se achegue ao teatro en galego por medio dunha obra de coidada estética na que o humor, a emoción e a palabra van da man.

As fabas máxicas chegará entre abril e xuño a 22 vilas pertencentes á RDL. Coma sempre en FalaRedes, a entrada será libre e de balde ata completar a capacidade das salas. Toda a información sobre FalaRedes 2014 estará dispoñible no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2014

ARZÚA

CASA DA CULTURA

DOMINGO 13 DE ABRIL

18:00 horas

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email