Arzúa o destino verde de Galicia

Concurso de fotografía medioambiental “Mellora Arzúa”

14 septiembre, 2017

BASES DO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA “MELLORARZÚA” DO CONCELLO DE ARZÚA
O Concello de Arzúa convoca este concurso coa finalidade de fomentar a concienciación medioambiental e contribuír a conservar e mellorar o noso contorno a través de imaxes fotográficas que promovan estos obxectivos. Establécese un procedemento aberto de participación e unha forma de selección mediante concurso con intervención de xurado. O certame rexirase polas seguintes BASES:

1. PARTICIPANTES
O Concurso está aberto a todas aquelas persoas (afeccionadas ou profesionais) maiores de 18 anos que desexen participar, sen máis limitacións que as contidas nestas bases. Cada participante poderá presentar como máximo tres propostas.

2. PRAZO E PRESENTACIÓN DE PROXECTOS
As fotografías poderán presentarse dende o 20 de setembro ata o 20 de outubro ás 23:59 horas. Todos os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos en medios impresos, calquera posible conflito con terceiras partes debido á propiedade intelectual do mesmo será responsabilidade exclusiva do/da concursante que presente a proposta.
Non serán admitidas obras que sexan plaxios doutros/as autores/as nin que resultaran premiadas noutros concursos.
As fotografías non poderán ser alteradas dixitalmente nin por calquera outro medio, non aceptándose fotomontaxes. Si serán aceptadas as correccións de luz e cor.
As obras deberán presentarse en formato dixital (.jpeg) en óptima calidade, non debendo superar o peso máximo do arquivo de 3 MegaBytes (Mb) e achegalas por correo electrónico a cultura@concellodearzua.com dentro do prazo establecido.
Todos os traballos fotográficos deberán facer referencia exclusiva a calquera
aspecto relacionado co medio ambiente en Arzúa (flora e fauna, espazos naturais, a reciclaxe, o tratamento adecuado de residuos ou a conservación e limpeza de todo o termo municipal).
Cada foto deberá enviarse xunto coa seguinte información:
• Título.
• Lugar no que foi tomada a fotografía.
• Breve explicación da imaxe.
• Nome e apelidos, idade e profesión do autor ou da autora.
As fotografías recompiladas iranse subindo diariamente, a medida que se reciban, a un álbum creado especificamente para o certame no perfil de Facebook da Concellaría de Cultura, de xeito que tanto as persoas participantes como os/as usuarios/as da Rede poidan velas, compartilas e contribuír así á concienciación medioambiental.
As doce fotografías elexidas formarán parte do calendario para o ano 2018 que elaborará o Concello de Arzúa.

3. INTEGRANTES DO XURADO E CRITERIOS
Por parte da Concellaría de Cultura do Concello de Arzúa, designarase un xurado integrado por membros do Concello e por profesionais relacionados coa temática do concurso. O xurado terá en conta á hora de valorar a calidade técnica e artística de cada proposta e a capacidade que teña para comunicar visualmente e promover os obxectivos indicados.

4. FALLO DO XURADO E ENTREGA DE PREMIOS
O xurado, unha vez finalizado o prazo de presentación de obras, reunirase e examinará as fotografías presentadas. O fallo do xurado comunicarase aos participantes e a través dos medios de difusión dispoñibles do Concello de Arzúa (web, redes sociais, radio, etc.).
O xurado resérvase o dereito de declarar o premio deserto e convocar un novo concurso ou unhas novas bases ás que deberán presentar novos traballos.

5. PROPIEDADE INTELECTUAL
O Concello de Arzúa resérvase o dereito para reproducir as fotografías premiadas, sen límites temporais nin territoriais con fins de promoción de campañas de sensibilización medioambiental, en redes sociais, soportes informativos, así como expoñer de maneira libre calquera das imaxes.

7. PREMIO
Establécese un premio de 50 euros para cada unha das doce imaxes elexidas.

9. ACEPTACIÓN DAS BASES
A participación no concurso supón a aceptación destas bases, sendo a decisión do xurado inapelable.
Os presentes premios serán outorgados con cargo á partida orzamentaria 334.480.02 do vixente orzamento, ata o límite de 600 euros.
Os premios levarán consigo a retención en concepto de IRPF, que resulte da aplicación segundo as normas contidas na normativa reguladora do imposto.

Last modified: 14 septiembre, 2017

Comments are closed.