Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Ciclo de música na rúa ‘En aberto’

 

Arzúa promove un ciclo de música na rúa para amenizar as tardes de agosto

Baixo o título de ‘En aberto’ encherá de cultura e sons a nosa vila

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa acaba de facer pública unha nova iniciativa desta área que consistirá na realización dunha serie de concertos ao aire libre que encherán de música e cultura rúas e espazos públicos da vila durante o mes de agosto, dentro da programación que o servizo municipal ten preparado para o vindeiro mes.

Aproveitando a maior confluencia de peregríns  e a proximidade da fin de semana, o concelleiro de Cultura, Miguel Vallo, optou por escoller os xoves como as datas nas que se levarán a cabo os recitais musicais desta primeira edición do ciclo de música “En aberto”. Así tamén os propios veciños e veciñas poderán desfrutar das actuacións ao non coincidir na data coa maioría das festas e outros actos lúdicos que adoitan celebrarse na época estival.

A primeira proposta musical, que iniciará este programa o xoves 4 de agosto, céntrase nun repertorio tradicional. ‘Os Trécolas’ animarán a noite nos xardíns do Parque Infantil cun repertorio moi variado, empregando instrumentos de vento, acordeón e percusión. En caso de mal tempo, esta actuación realizarase na Capela da Madanela.

O xoves 11 a quenda será para ‘MJ Band’ coa artista arzúa MJ Pérez ao fronte. Acompañada de Diego Fiuza, Inés Mirás e Alberto Rama, presentarán en formato banda os últimos temas do traballo discográfico titulado ‘Guerrilleira’. Este concerto desenvolverase na Praza de Galiza.

A formación de violoncelos ‘Soncello Quartet’ encherá de música a plazoleta da Rúa das Dores o xoves 18 cun repertorio que abrangue desde o clásico ata o heavy nun concerto que non deixará indiferente a ninguén.

Xa para rematar, o xoves 25 de agosto, pechará o ciclo de música na rúa ‘En aberto’ o grupo ‘Antonio Seijo & Skylight’. Este conxunto está liderado por Antonio Seijo, ex compoñente de Milladoiro e calificado como o violinista galego máis internacional do momento; interpretarán temas dos anos oitenta, noventa e galegos na Praza de Galiza.

Todos os concertos serán ás nove da noite e gratuítos.

O Concelleiro de Cultura, Miguel Vallo, amosou a súa ilusión ante esta nova iniciativa, que afirmou é  “outra alternativa cultural que completa aínda máis a programación estival dirixida a veciños e visitantes”. Asegura, ademais, que “se trata de propostas musicais variadas, de gran calidade e adaptadas a todos os públicos” e está seguro que axudarán a “dinamizar as rúas e o sector hostaleiro e comercial da vila”.

 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email