Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Ciclo de música na rúa «En Aberto» 2018

Ciclo de música na rúa "En Aberto" 2018

Volve o ciclo de música na rúa ‘En aberto’ con catro concertos ao aire libre en Arzúa.

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa pon en marcha a terceira edición do programa de concertos ao aire libre que encherá de música e cultura a Praza de Galiza durante o mes de agosto dentro da programación que o servizo municipal ten preparado para este verán.
Os días escollidos para levar a cabo os recitais musicais son os xoves 2, 16, 23 e 30 do mes de agosto por ser un dos días da semana no que máis peregrinos pasan por Arzúa e por ser próximo á fin de semana e, deste modo, os propios veciños e veciñas poidan desfrutalos ao non coincidir coa maioría das festas e outros actos típicos do verán.
A primeira proposta musical, que iniciará este programa este xoves, día 2 de agosto, virá da man de Soul&Roll. Trátase dun dúo que propón un espectáculo musical acústico cun repertorio do máis completo e variado cuns arranxos músicais adaptados e traballados minuciosamente, unha voz, coros vocais, guitarras acústicas, baixo, ukelele, percusión menor e un bombo que farán soar grandes éxitos desde os anos 80 ata a actualidade.
Interpretarán cancións de Luz Casal, Miguel Ríos, Mecano, Siniestro Total, Danza invisible, Manolo García, Maná, Fito e Fitipaldis, Bruno Mars, Adele e Avicii, entre outros.
O xoves 16 a quenda será para O Fiadeiro que fará unha exhibición de baile e música tradicional dentro do programa Danza 3 promovido pola AGADIC e a Xunta de Galcia.
A formación arzúa Rondalla Moraima levará a cabo o seu primeiro concerto ao aire libre dentro deste ciclo o xoves 23 cun concerto que representará a cultura músical local.
Por último, o xoves 30 de agosto, pechará o ciclo de música na rúa En aberto o cantautor Pepe Piña que presentará a súa volta aos escenarios en solitario, con directos nos que mestura os seus temas propios de influencias moi variadas (Bossa, Blues, Fados, Pop e a canción de autor) con versións de temas coñecidos por todos e todas co ánimo de facer un concerto dinámico e variado.
Todos os concertos serán ás nove da noite, gratuítos e celebraranse na Praza de Galiza.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email