Arzúa o destino verde de Galicia

Arzúa Viva 2019

19 julio, 2019

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza para o domingo día 28 de xullo unha nova edición de Arzúa Viva, en concreto será o décimo segundo ano consecutivo que se leve a cabo esta festa que pretende ser unha alternativa de ocio diferente durante o verán especialmente dirixida aos máis novos.
Este ano mantense a aposta de organizar actividades durante todo o día e en distintos espazos.
Por unha parte, pola mañá desenvolverase unha proposta de aventura no Multiusos Terra do Queixo de 10:00 a 13:00h. Durante ese tempo haberá un parque de Lasertag con obstáculos e todo o material necesario. Faranse quendas de 15 minutos e poderán participar de balde rapaces e rapazas desde os 8 anos. Para participar será necesario inscribirse previamente no Departamento de Cultura ou o propio día da actividade no Multiusos desde as 9:30h da mañá.
Pola tarde, de catro e media a sete e media do citado día, a Praza de Galiza e a rúa das Dores contarán con varias actividades gratuítas e de acceso libre como inchables, tobogán acuático deslizador de 13 metros, actividades interactivas e rocódromo.
Paralelamente, durante a tarde, estará instalado na Praza o Festivaliño on the road, unha proposta de cine que conmemora o décimo aniversario de A Caixiña de Mistos. A caravana proxectará sesións de cine infantil de entre 2 e 20 minutos para idades comprendidas entre os 0 e 12 anos. Faranse quendas durante toda a tarde e haberá flocos de millo de balde antes de cada sesión.
Por último, para pechar esta gran xornada festiva, a compañía Teatro ao Cubro escenificará as 19:30h o espectáculo Ghop!.Un espectáculo de circo ao estilo dos que antigamente percorrían as prazas dos pobos e das aldeas. Os tres protagonistas, cheos de enerxía, vestidos e caracterizados para a ocasión, enfeitan con malabares, monicreques, acrobacias e pinceladas de maxia o show de variedades que esta compañía itinerante lle ofrece a un público con gana de divertirse e desexoso de participar.

PROGRAMACIÓN
MAÑÁ DE AVENTURA | MULTIUSOS TERRA DO QUEIXO | 10:00-13:00
>LASERTAG CON OBSTÁCULOS
*Actividade gratuíta. Inscricións previas no Departamento de Cultura (tlf. 981 500 222) ou o propio día no Multiusos desde as 9:30. Equipos de 6 xogadores. Idade mínima: 8 anos.

TARDE DE LECER | PRAZA DE GALIZA | 16:30-19:30
(En caso de mal tempo, no Multiusos Terra do Queixo)
>INCHABLES
>INCHABLE ACUÁTICO DESLIZANTE DE 13 METROS (Trae o bañador!)
>INTERACTIVE WALL
>ROCÓDROMO
>FESTIVALIÑO ON THE ROAD con sesións curtas de cine no interior da caravana da Caixiña dos Mistos e flocos de millo de balde

>TEATRO AO CUBO: ESPECTÁCULO ’GHOP!’ | 19:30

Last modified: 19 julio, 2019

Comments are closed.