Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Arzúa ultima as obras de acondicionamento de diversos núcleos e viais por importe de 270.000 euros

O Alcalde do Concello de Arzúa, José Luis García, anunciou a próxima finalización da práctica totalidade das actuacións incluídas polo goberno municipal no Plan de Obras e Servizos promovido pola Deputación Provincial.

As obras que contaron cun orzamento de 270.000 euros atópanse prácticamente finalizadas e só pendentes de perfilar algúns detalles que están pendentes de executarse á espera de que as condicións meteorolóxicas melloren.

Así, nos vindeiros días os veciños e veciñas de Arzúa poderán xa dar un paseo polo camiño do Río Vello que foi acondicionado pola empresa Canarga mediante un orzamento de 76.137 euros. As actuacións centráronse no desbroce e limpeza de gabias así como no acondicionamento da explanada e na demolición do pavimento existente, da beirarrúa e bordillo. Procedeuse á colocación dun bordo de granito, á construcción da beirarrúa con baldosa de formigón, do firme con grava e da colocación de adoquín de granito silvestre así como á plantación de céspede. A actuación conlevou tamén as obras correspondentes para o saneamento da zona e recollida de pluviais así como a colocación de alumeado público.

As obras acometidas na zona do Río Vello, á saída do casco urbano de Arzúa, en dirección Santiago, foron executadas segundo explica o alcalde, “seguindo as directrices e o modelo proposto para a Estrada Nacional 547, cuxa travesía urbana foi acondicionada hai preto de dous anos”.

Esta mesma empresa, Canarga, tamén procedeu nestes días ao acondicionamento do camiño que vai dende o lugar de Fontelas a Ponte Ladrón na parroquia de Burres; esta actuación está finalizada e ao servizo dos veciños e veciñas da zona.

Tamén a empresa Antonio Filloy finalizará nestes días as obras de pavimentación do contorno da igrexa de Burres. Este proxecto conta cun orzamento de 81.714 euros, nel incluise tamén a execución doutras actuacións que xa están rematadas: o acondicionamento do interior en Preguntoño (Burres), o camiño que vai dende a Riba ao Rial (Pantiñobre) e o acondicionamento do interior dos lugares de Barros e Magulán na parroquia de Lema.

As obras para o acondicionamento do contorno da igrexa de Burres conlevaron a demolición do pavimento existente así como o formigonado da zona e a colocación dunha arqueta con sumidoiro, tamén se procedeu á construcción dunha taxea de formigón para a conducción da auga.

Outra das obras incluídas no Plan de Obras e Servizos a piques de finalizar é a do saneamento en Boente, esta actuación contou cun orzamento de 43.869 euros e foi executada pola empresa González y González.

Segundo explicou esta mañá o alcalde, José Luis García, as únicas actuacións incluídas no plan e pendentes de executar son aquelas que foron adxudicadas á empresa Leonardo Miguélez por un orzamento de 67.786 euros e que se poñerán en marcha nos vindeiros días, en canto as condicións climatolóxicas sexan favorables. Estas actuacións permitirán a arranxo dun camiño no lugar de Río, na parroquia da Castañeda así como a pavimentación dos núcleos de Seixas en Oíns e de Cimadevila en Brandeso.

José Luis García amosou a súa satisfacción ante a finalización destas obras que “sen dúbida prestarán un gran servizo aos nosos veciños xa que todas elas responden a demandas veciñais e foron propostas e executadas ante a urxencia que presentaban dado o seu estado de deterioro”. O alcalde quixo salientar o esforzo do seu goberno “por tratar de destinar o maior orzamento posible a este tipo de actuacións que sempre conlevan unha mellora da calidade de vida dos nosos veciños”.

O alcalde de Arzúa avanzou ademais que nos vindeiros días o goberno municipal procederá á contratación das actuacións que se propuxeron para a súa execución no caso de que se produciran baixas nas obras incluídas no POS e que neste caso se concretan no acondicionamento do camiño do núcleo do Pedral, na parroquia da Mella, no linde co concello de Boimorto.

O goberno municipal tamén ten previsto celebrar unha Xunta de Goberno nos vindeiros días para proceder á adxudicación das actuacións contratadas no programa da Deputación Provincial DTC,94 centrado básicamente no aforro enerxético e en actuacións de saneamento.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email