Arzúa o destino verde de Galicia

Arzúa reinventa a súa Feira de Capóns de Nadal con importantes premios para os mellores exemplares

18 Noviembre, 2013

 

O Concello de Arzúa vén de dar un importante impulso a unha das feiras tradicionais máis importantes que se celebran na localidade, a Feira de Capóns de Nadal que cada 22 de decembro ten lugar no municipio congregando a numerosos criadores dun dos productos estrela das festas.

Coa intención de darlle un novo pulo á feira procurando que, cada ano, participen máis veciños tanto do propio concello como da comarca, o goberno municipal programou unha importante subida na cuantía dos premios que se entregarán aos mellores exemplares de cada unha das tres modalidades na que se pode participar: galos vivos, capóns cebados e galos piñeiros.

Deste xeito repartiránse un total de 1.200 euros entre os exemplares presentes no recinto, que serán valorados por un experto que analizará a súa presentación, coidado, hixiene e beleza, entre outras características. As mellores parellas de cada modalidade serán premiadas con 200 euros; haberá un segundo premio de 125 euros e un terceiro de 75 euros para cada unha das modalidades.

O alcalde de Arzúa, José Luis García, deu a coñecer o programa da feira que inclúe, ademais, un pasacalles polas rúas da localidade a cargo dun grupo de música tradicional a partir das 10 da mañá; ás 11,30 horas terá lugar a entrega de premios e ás 12 pecharase o certame coa actuación do grupo de gaitas Castro Curbín.

As persoas que desexen participar no certame poderán expoñer os seus productos á venda dende as 7,30 da mañá, hora na que xa estarán abertas as portas do Recinto Feiral Terra do Queixo, lugar habilitado polo concello para a celebración do evento, que coincide coa feira mensual do día 22.

O alcalde de Arzúa, José Luis García, quere facer un chamamento a  todos os veciños e veciñas para que participen na feira xa que “é un dos nosos referentes, moita xente de fóra achégase neste día a Arzúa para comprar aquí este produto que, dende sempre, contou coa fama de ser de boa calidade”

Versión para IMPRIMIR

Last modified: 20 Diciembre, 2016

Comments are closed.