Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Arzúa recupera para o verán o programa de conciliación familiar e laboral Xogarzúa

O Concello de Arzúa comezará o luns, 30 de xuño, unha nova edición do programa “Concilia con Xogarzúa”, unha iniciativa posta en marcha polo Departamento de Benestar Social e Igualdade coa finalidade de converterse nunha opción real de conciliación da vida familiar e laboral que dende a Administración Local se lle ofrece ás familias do municipio.

En total ofertáranse 30 prazas, 15 delas para nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 7 anos e as outras restantes para cativos con idades entre os 8 e os 12. O programa deseñado dende o Centro de Información á Muller abarca os meses de xullo e agosto e desenvolverase nas instalacións do Recinto Feiral Terra do Queixo.

O proxecto foi xa todo un éxito en edicións pasadas posto que, tal e como explica a persoa responsable do departamento de Benestar Social, Aurora Varela, “Concilia con Xogarzúa desenvolve un importante programa de actividades lúdicas e formativas para os máis cativos ao tempo que permite que os seus proxenitores poidan seguir co seu ritmo habitual de vida; trátase dunha oportunidade real para conciliar a vida familiar e laboral en datas sinaladas, como é neste caso o verán”.

Os requisitos establecidos polo Concello para a participación nesta iniciativa son, entre outros, estar empadronado en Arzúa, que traballen ambos proxenitores ou cando menos un deles e aportar canta documentación se especifica nas bases do programa postas a disposición dos interesados no Centro de Información á Muller, ubicado na pranta baixa da Casa Consistorial.

Segundo informou a edil responsable do Departamento, o Concello aprobou uns prezos públicos deste servizo coa finalidade de axudar a sufragar o proxecto, o custe será de 90 euros para as persoas que queiran desfrutar do programa completo; de 10 euros por unha semana ou mesmo existe a posibilidade de requirir o servizo en días soltos a un prezo de 2,50 euros diarios.

As persoas interesadas nesta iniciativa teñen de prazo ata o día 20 deste mes para facer a correspondente inscrición.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email