Arzúa o destino verde de Galicia

Arzúa estrea un novo espazo de ocio en Ribadiso

21 Abril, 2017

Dende hoxe mesmo a área recreativa de Ribadiso conta cun novo aliciente que se suma aos numerosos atractivos cos que conta este espazo para ser un dos destinos favoritos dos veciños e veciñas de Arzúa para estas longas tardes de primavera. Trátase dun cómodo parque infantil que fará as delicias dos máis pequenos da casa.

Atendendo ás suxerencias de numerosas familias do municipio, o alcalde de Arzúa, José Luís García, decidiu acondicionar un pequeno espazo para o ocio e desfrute dos nenos e nenas do municipio e dos numerosos visitantes e peregríns que cada ano visitan esta área.

O parque infantil, para o que o goberno municipal destinou 9.892,38 euros, está situado na mesma zona na que xa había un pequeno espazo de ocio para os nenos pero que presentaba un importante estado de deterioro.

José Luís García explicaba esta mañá que, coa esta actuación, “agora os nosos nenos e nenas poderá xogar e divertirse nun espazo perfectamente acondicionado e que reúne todas as garantías de seguridade”. O parque conta cunha nova pavimentación, máis moderna e máis segura para evitar posibles caídas dos rapaces. Nela instaláronse diversos muelles temáticos, recuperáronse os xogos que aínda tiñan algo de vida e colocáronse dous columpios.

O alcalde de Arzúa convida a todas as familias do municipio a visitar e desfrutar dende hoxe mesmo deste novo espazo de ocio, que incrementa o valor lúdico dunha área recreativa de referencia.

Last modified: 21 Abril, 2017

Comments are closed.