Arzúa o destino verde de Galicia

Arzúa destinará a maior parte dos 328.000 euros do DTC94 á mellora hidraúlica na rede de abastecemento

27 septiembre, 2012

O Concello de Arzúa deu luz verde á aprobación dunha serie de actuacións, que se centran na mellora da rede de abastecemento de auga, nun pleno extraordinario que se celebrou o martes, 25 de setembro, na Casa Consistorial.

As actuacións propostas polo goberno municipal en consonancia cos demais grupos políticos alcanzan a cifra de 328.181,38 euros que o Concello de Arzúa recibirá da Deputación Provincial a través dun novidoso programa de investimentos denominado DTC 94 (Deputación para todos os concellos).

Do total deste orzamento, un dos máis elevados da provincia,  o 70% irá destinado á execución de importantes actuacións que mellorarán a calidade de vida dos veciños e veciñas do municipio;  o goberno municipal destinará o 30% restante para gastos correntes.

A actuación que acaparará un maior orzamento  pola súa importancia e complexidade será a mellora hidraúlica na rede de abastecemento de Arzúa. O alcalde, José Luis García, decidiu facer realidade esta obra en base ás peticións veciñais e consciente de que o aumento de presión da auga nalgunhas rúas e a mellora das conexións noutras é unha necesidade imperiosa para moitos dos nosos veciños que en épocas de sequía como a actual acceden con dificultades á prestación dun servizo que se entende básico. Esta actuación centrarase na ampliación do grupo de presión, na instalación de válvulas reguladoras de presión e na creación de diversas conexións coa finalidade de mellorar a calidade do servizo.

As actuacións previstas, dentro deste programa financiado na súa totalidade pola Deputación Provincial da Coruña, inclúen tamén o saneamento e abastecemento de auga no lugar de Teiraboa así como a mellora do camiño que vai dende San Salvador á estrada de Ponte Carreira e o acondicionamento do acceso á Capela de Santa Marina no lugar de Bosende.

Do total do orzamento, o goberno municipal destinará case 50.000 euros  a medidas para o aforro enerxético. Está previsto executar traballos para esta finalidade nas instalacións de alumeado público nas Rúas Rego da Raña, Camiño do Norte, Basilio Carril, Quenlla, Cima do Lugar, Rúa do Carme, a Praza da feira e na zona da igrexa de Santa María. A medida proposta consiste na sustitución dos equipos e lámpadas actuais por outras de maior rendemento.

Last modified: 22 diciembre, 2018

Comments are closed.