Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Arzúa celebra a súa primeira Feira do Libro no casco histórico da vila

O Concello de Arzúa organiza, o sábado 21 de abril, a primeira edición da Feira do Libro na zona histórica da vila co obxecto de promover o hábito lector e a dinamización cultural e comercial.
A cita enmarcarase na rúa Cima do Lugar en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00h. Se o tempo non acompaña, o mercadiño instalarase na Capela da Madanela.
Poderán participar na feira todos as persoas interesadas, maiores de idade, que queiran expoñer e vender os seus produtos. Os artigos que se poderán vender son: libros, revistas, coleccionables, cómics, xoguetes educativos, discos de vinilo, CDs e cassetes, orixinais, novos, de segunda man ou descatalogados. Cada posto deberá expoñer obrigatoriamente artigos de lectura.
As prazas son limitadas e a ocupación dos postos cubrirase por rigorosa orde de inscrición, con preferencia das persoas que, cumprindo os requisitos, estean empadroadas no municipio.
O mercado terá carácter gratuíto tanto para expositores como para visitantes. O Concello de Arzúa porá a disposición de cada participante un espazo dun máximo de 4 metros lineais para colocar o seu propio posto ou as mesas solicitadas previamente.
Para participar é preciso achegar a solicitude presencialmente no Departamento de Cultura, por correo electrónico ao enderezo cultura@arzua.gal ou por fax ao 981 500 914. O prazo de presentación de solicitudes é do 2 ao 13 de abril. Máis información no teléfono 981 500 222.
A selección dos postos admitidos será comunicada a través de correo electrónico o luns, 16 de abril. O resultado tamén se publicará na páxina web e redes sociais do Concello de Arzúa.
A primeira edición da Feira do Libro contará con actividades paralelas para atraer a máis público e que se darán a coñecer nos próximos días.

Descargas:
Solicitude de participación

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email