Arzúa o destino verde de Galicia

Arzúa acolle este sábado a segunda feria de artigos de segunda man e artesanía con gran variedade de expositores

21 mayo, 2013

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa informa que este sábado todas as persoas que se acheguen ao recinto feiral poderán ver unha gran variedade de expositores dentro da segunda feira de artigos de segunda man e artesanía, Arzúa Vende.

Dende a organización establécense este ano catro zonas con máis de setenta postos. Por un lado, na zona verde poderemos atopar artigos de artesanía como bisutería, tellas decorativas, broches, cestos ou bonecos. No apartado de artigos de segunda man e outros, os cales atoparemos na zona azul, teremos a oportunidade de mercar antigüidades, mobles, libros ou menaxe, entre outros.

Esta edición trae consigo a novidade da creación dun novo espazo de roupa, calzado e complementos correspondente á zona amarela. Neste espazo, que conta con probador, teremos ao noso alcance roupa para todas as idades, todo tipo de complementos e zapatos.

Por último, a feira complétase coa zona de ocio onde haberá un bar, un inchable infantil e gratuíto, sorteos de agasallos, obradoiros e actuacións musicais.

Ademais, na entrada do recinto, haberá postos tradicionais de roquillas e churros e un punto de información dispoñible durante todo o horario do evento, de once da mañá a oito do serán.

Dende a organización, animan a todos e a todas a achegarse a esta feira que pretende asentarse no calendario anual deste tipo de feiras a nivel autonómico xa que, ademais de veciños e veciñas de Arzúa e comarca, tamén se achegan vendedores de lugares como Santiago, Ordes, Oza dos Ríos ou Vilalba.

Last modified: 24 diciembre, 2018

Comments are closed.