Arzúa o destino verde de Galicia

Actividades Municipais 2017-2018

12 septiembre, 2017

O Concello de Arzúa presenta a oferta de actividades municipais para o novo curso.
O Concello ofrece dezaséis modalidades culturais, deportivas e educativas para todos os veciños e veciñas.

O Concello de Arzúa presenta o programa de actividades municipais para o curso 2017-2018 cunha ampla oferta de actividades deportivas, culturais e educativas dirixidas a todos os públicos e que amplian por segundo ano consecutivo o número de actividades.
Por unha banda, e por cuarto curso consecutivo, o Departamento de Cultura continúa co Obradoiro Municipal de Danza que impartirá nas tardes dos xoves as modalidades de Ballet Clásico e Danza Moderna dende os 5 anos e Bailes de Salón para persoas de 18 anos en diante. Como novidade, o Departamento de Cultura oferta para este curso clases de Robótica para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos e de Pintura para maiores de idade.
Por outra banda, dende o Departamento de Deportes cotinúan apostando polas diferentes modalidades deportivas que veñen alcanzando un alto éxito de participación e satisfacción nos últimos anos. Así, este departamento municipal ofertará de novo Ximnasia para a terceira idade a partir dos 60 anos, Ioga para maiores de idade, e Tenis e Patinaxe a partir dos cinco anos. Ademais, desde Deportes continúan por segundo curso consecutivo apostando pola exitosa actividade de Zumba iniciada no curso pasado.
Para as disciplinas culturais e deportivas, as sesións comezarán no mes de outubro e o prazo de inscrición abrirase o 15 de setembro na oficina de Cultura e Deportes. Poden solicitar máis información no teléfono 981 500 222.
Por outro lado, a Aula CeMIT manterá as clases de informática para os alumnos e alumnas dos centros educativos do CEIP de Arzúa e CPR Nosa Señora do Rosario nas tardes dos martes, mércores e xoves totalmente de balde. Para ampliar información, poden poñerse en contacto coa aula no teléfono 981 500 447.
E, por último, a oferta de actividades complétase coas distintas modalidades educativas que se imparten dende a Aula de Educación de Adultos do Concello. As propostas formativas son Escola dos maiores, Graduado en E.S.O., Preparación das probas de acceso aos ciclos de grao medio e superior de F.P., Preparación das competencias clave e Bacharelato a distancia. Poden achegarse a Aula de Educación de Adultos situada no primeiro andar do Multiusos Terra do Queixo en horario de tarde. Para estas ensinanzas a matrícula está aberta todo o ano dende o 1 de setembro.

Last modified: 12 septiembre, 2017

Comments are closed.