Arzúa o destino verde de Galicia

A música de rúa animará as feiras de Arzúa durante o verán

20 junio, 2017

O Concello de Arzúa continúa desenvolvendo o plan de promoción e dinamización das feiras quincenais dos días oito e vinte e dous. O proxecto, que leva por nome ‘Ven ás feiras do 8 e 22’, deu comezo no verán do ano pasado coa realización de actividades de animación e coa defusión a través de diversos medios publicitarios co fin de reactivar estes mercados tradicionais e impulsar a economía local.

O Concello seguirá coa promoción das feiras a través de cartelería, folletos e outros soportes publicitarios nas inmediacións do propio recinto feiral e coa difusión na web municipal, radio local, redes sociais e prensa.

O obxectivo tamén é dinamizar a vila con actividades variadas que poidan atraer a máis público e lograr que as persoas que nos visiten permanezan durante máis tempo en Arzúa e aproveiten, como se pretende con este plan, para facer outras mercas e quedar a xantar. Durante os meses de xuño, xullo e agosto contarase con actuacións para todos os públicos centradas na temática da música de rúa con propostas variadas e diferentes.

A seguinte actividade terá lugar o vindeiro xoves, día 22 de xuño. A partir das doce do mediodía o interior do Multiusos Terra do Queixo, a explanada do Campo da Feira e as rúas polas que transcorre a mesma encheranse da música do grupo “Os Bregadiers”. Unha formación nova con seis músicos que proveñen da incrible Magnifique Bande dos Homes sen Medo nunha proposta que mantén a calidade musical, a forza e orixinalidade desta formación.

Os espectáculos dos grupos musicais de rúa “Fondaos do Pífaro” chegados de Portugal e o “Trío Refugallo” animarán os mercados de xullo e agosto.

Last modified: 21 diciembre, 2018

Comments are closed.