Arzúa o destino verde de Galicia

A exposición “Os mundos de Casares” chega a Arzúa

6 septiembre, 2017

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa informa que a área de Cultura da Deputación da Coruña trae a exposición “Os mundos de Casares” a Arzúa pasando tamén polos concellos da Coruña, Ribeira e Compostela. Trátase dunha iniciativa para difundir, a través de libros, obxectos, imaxes e documentos, a obra e a biografía do autor.

Producida pola Fundación Carlos Casares, a exposición “Os mundos de Carlos Casares” é unha mostra que ten como obxectivo presentar a vida e a obra do escritor ao que a Real Academia Galega decidiu dedicarlle este ano o Día das Letras Galegas.

A mostra, comisariada por Adolfo Garrido e Chus Martínez, conta cun deseño expositivo modular a cargo do estudo de arquitectura Creus&Carrasco e recolle pezas e documentos que relatan o percurso persoal do escritor ademais de pezas audiovisuais elaboradas por Andrea Vázquez.

A través de cinco espazos, a mostra permite coñecer as distintas etapas e facetas de Carlos Casares, desde a súa rica produción literaria, á faceta xornalística ou de dinamización cultural e traxectoria política e institucional.

“Os mundos de Carlos Casares” inaugurarase hoxe mércores, 6 de setembro, ás sete da tarde na Casa da Cultura nun acto que contará coa presenza de Adolfo Garrido, curador da exposición e secretario da Fundación Carlos Casares, Hakan Casares, administrador da Fundación Carlos Casares, Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Goretti Sanmartín, Vicepresidenta da Deputación da Coruña e de José Luís García, alcalde do Concello de Arzúa.

A mostra poderá visitarse no salón de actos da Casa da Cultura ata o vindeiro 24 de setembro.

Last modified: 6 septiembre, 2017

Comments are closed.