Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

A duodécima edición da Feira Ecolóxica de Arzúa celébrase o 14 e o 15 de novembro

header

O prazo para participar como expositor xa está aberto e as solicitudes deben enviarse antes do 16 de outubro.

O proxecto mantén o seu compromiso pola ecoloxía,a produción natural e a innovación.

A Feira Ecolóxica de Arzúa xa ten datas. O evento celebrará a súa duodécima edición os días 14 e 15 de novembro no Recinto Feiral Terra do Queixo para converter Arzúa unha vez máis no gran referente da ecoloxía en Galicia. A organización vén de abrir o prazo para participar como expositor e as solicitudes deben presentarse antes do 16 de outubro. Estas solicitudes poden achegarse a través da páxina web do proxecto www.terractiva.org (onde tamén están dispoñibles para consultar as condicións de participación) no espazo habilitado co nome “Ficha de inscrición”. Ademais, tamén se recollen por correo electrónico no enderezo info@terractiva.org.

Con esta nova edición, a Feira Ecolóxica de Arzúa afonda na súa consolidación como referente do respecto pola contorna e dunha vida en sintonía con ela, mantendo o seu compromiso pola ecoloxía, a produción natural e a innovación. As decenas de solicitudes recibidas dende a apertura do prazo así o constatan. Ademais, durante a fin de semana da Feira Ecolóxica, no Recinto Feiral Terra do Queixo a programación completarase con actividades paralelas como obradoiros, mostras e exhibicións de produción natural, conferencias e actuacións teatrais e musicais.

O sector verde poderá amosar novamente o seu pulo e a súa constante evolución nestes anos nos que a concienciación sobre un novo xeito de entender o vínculo entre produción e sustentabilidade non parou de medrar e asentarse na nosa sociedade.

A Feira Ecolóxica asentouse en Arzúa no ano 2004 e, dende aquela, non abandonou a localidade coruñesa pola acollida que lle brindaron os veciños, a idoneidade do recinto ofrecido, o apoio do sector e a colaboración permanente do Concello. Dende o 2012, debido aos recortes, a Deputación da Coruña –que amosara até ese momento a súa implicación- renunciou a colaborar coa feira. Malia ese atranco, o proxecto non esmoreceu e mantivo sempre o seu compromiso pola ecoloxía, a produción natural e a innovación.

 

Máis información:

Manuel López

981582836 – 650267365

comunicacion@culturactiva.org

www.terractiva.org

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email