Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

A compañía teatral Malasombra chegará este domingo a Arzúa para dar continuidade ao programa “Outono a escena”

A compañía teatral Malasombra chegará este domingo a Arzúa para dar continuidade ao programa “Outono a escena”
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa continúa desenvolvendo as actuacións do programa cultural “Outono a escena”; así, esta fin de semana e para finalizar o mes de outubro o domingo haberá tarde de teatro na Casa da Cultura coa proposta “O caso é ter saúde” da man da compañía Malasombra.

Despois de pasar por Arzúa cos espectáculos “Go on!”, “D.E.P. Unha comedia de morte” e “Misión Sapiens”, chega esta nova comedia protagonizada por Jouse García, Xoque Carbajal, Patricia Rodríguez, Celia González e Carlos Mosquera. Esta última montaxe conta a historia dun home, Miki, que é abandoado pola súa parella tras vinte anos de relación o día da Lotaría de Nadal e como minutos despois o seu décimo sae premiado co Gordo. Deste xeito, o protagonista non sabe ben como sentirse pois está eufórico e deprimido a partes iguais. Paralelamente, comezan a aparecer persoaxes e situacións ridículas na súa vida para afondar na condición humana e na habitual ambición polos cartos. Malasombra Producións é unha compañía creada en 2006 polo actor Xoque Carbajal que defende a comedia como mellor vehículo para comunicar co público. A representación comezará ás seis da tarde e a entrada e gratuíta con aforo limitado.

A programación de “Outono a escena” continuará en novembro con propostas infantís, actuacións folclóricas e coa conmemoración do Día do neno; despois de ter xa ofertado este mes seis propostas culturais repletas de monólogos, actuacións musicais e representacións teatrais, todas elas cun grande éxito de participación e dirixidas a todos os públicos.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email