Arzúa o destino verde de Galicia

A avoa de Arzúa cumpre este sábado 105 anos

2 febrero, 2013

O Alcalde de Arzúa, José Luis García, achegouse este sábado á parroquia de Branzá para visitar o domicilio da Sra. María Manuela Montaña Souto á que agasallou cun fermoso ramos de flores polo seu 105 aniversario.

Acompañado polo alcalde-pedáneo da parroquia, Ramón Costoya, o alcalde felicitou á familia da homenaxeada e á propia protagonista do día, a persoa con maior idade de todo o municipio. Nunha forma física espléndida para a súa idade e dando conta  tan só dunha leve pérdida de oído que os anos non perdoaron, a Sra. María recibiu a visita do rexedor cunha grande alegría; explicou que era natural de Ferreiros, concello de O Pino, pero que xa con catro anos viñera recabar a Arzúa, onde, como ela mesmo di, leva toda a vida. Unha vida que adicou  ao coidado da súa familia e ao traballo; recorda con certa melancolía as feiras de Arzúa e as cestas de queixos que durante décadas acarrexou cargadas na súa cabeza por aquelas pistas “que nada teñen que ver coas de hoxe”.

Agradece os anos vividos, recoñece que os tempos cambiaron moito e gosta de poder comer de todo, «agradezo todo o que me dan».

Hoxe a súa familia celebra unha gran festa á que asistirá a súa numerosa prole: 7 fillos, 26 netos, 30 bisnetos e xa 8 tataranetos. Na homenaxe non faltará unha das súas grandes paixóns, a música; un grupo de gaiteiros amenizará a xornada na Casa Brandariz e a Sra. María acompañaraos cantando unha das súas cancións favoritas: a da Carolina.

O Concello de Arzúa deséxalle un día  repleto de felicidade e agarda poder visitala en vindeiras ocasións. Parabéns Sra. María, que sexa por moitos anos.

Last modified: 23 diciembre, 2018

Comments are closed.