Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

A Aula de Educación Municipal de Arzúa abre unha nova convocatoria formativa para este curso

Exames Aula Educación Adultos 29-01-2016 (2)

O Concello de Arzúa reforza o seu compromiso continuo de traballo no eido da educación a través da Aula de Educación Municipal ofrecendo para este segundo cuadrimestre, que dará comezo o vindeiro día 15 de febreiro, a posibilidade de preparar as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria por módulos ou ben mediante as probas libres que convoca a Consellería de Educación da Xunta de Galicia. Dende o Concello de Arzúa son conscientes da importancia que ten a formación permanente ao longo de toda a vida, xa que posibilita un maior desenvolvemento persoal e profesional dos cidadáns; de aí a súa forte aposta por manter un servizo que xa o pasado venres, día 29 de xaneiro, lle permitiu a numerosos alumnos rematar o primeiro cuadrimestre dos cursos conducentes á obtención do título de graduado en educación secundaria.

Asemade, este venres día 5 dará comezo o curso para a preparación das Competencias Clave, que son un requisito formativo indispensable para aquelas persoas que queiran optar ao Certificado de Profesionalidade e non teñan a formación básica inicial que lles permita o acceso directo. Tamén son indispensables para optar á realización das especialidades formativas que convoca o INEM, como por exemplo a «Atención sociosanitaria en persoas dependentes en institucións sociais», «Servicios de restaurante, bar e cafetería», «Cociña» e un longo etc.

Estas competencias clave comprenden un conxunto de contidos xerais de formación básica en diferentes áreas de coñecemento e son un instrumento para crear oportunidades de aprendizaxe para as persoas que carecen delas.

Os prazos de matrícula para a realización destes cursos están abertos dende onte, día 1 de febreiro, recordándolle aos interesados que a poden formalizar tamén nos cursos que deron comezo no pasado mes de setembro e que son «Preparación das Probas de Acceso aos Ciclos Formativos de Grao Medio e Grao Superior» e «Programa EBI, Ensinanzas Básicas Iniciais», que contempla lectura, escritura, cálculo e os Talleres de Atención e Memoria para maiores de 60 anos e persoas aqueixadas de Alzheimer ou demencia senil.

Ser constante, asimilar a información e repasar son as claves que recomendan dende a Aula de Educación de Adultos aos alumnos que están interesados en formalizar a matrícula no curso «Preparación das probas para a obtención do título de graduado en educación sencundaria» e que constitúe unha vía extraordinaria para acceder á titulación basica oficial do sistema educativo, permitindo ademais a continuación de estudos de Bacharelato ou de Ciclos Formativos de Grao Medio de Formación Profesional.

Para formalizar a matrícula ou solicitar información, os interesados deberán acudir á Aula de Educación de Adultos, sita no Edificio Multiusos «Terra do Queixo», 1º andar ou chamar ao número de teléfono 981 500 222.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email